A Xunta continuará esta vindeira semana os traballos de limpeza nas marxes de seis estradas autonómicas das catro provincias

Proseguirán os traballos iniciados a pasada semana na vía de altas prestacións Brión-Noia e na estrada AC-550, nos municipios de Cee, Muros e Noia

Na provincia de Lugo seguirán as actuacións na vía de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro (CG-2.1), e na de Ourense, na estrada OU-801, que comunica os municipios de Padrenda e Ribadavia

Ademais seguirán as actuacións nas marxes da autovía AG-51, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño; e na VG-4.6, que une Cangas e Bueu

Estas intervencións enmárcanse no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas da Xunta, cun investimento de case 3M€ en dous anos
 

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2023

A Xunta continuará esta vindeira semana os traballos de limpeza nas marxes de seis estradas autonómicas das catro provincias.

En concreto, proseguirán os labores iniciados a pasada semana na vía de altas prestacións Brión-Noia (CG-1.5) e na estrada AC-550, nos municipios de Cee, de Muros e de Noia.

Na provincia de Lugo seguirán avanzando os traballos xa en marcha nas últimas semanas na vía de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro (CG-2.1), ao paso polos municipios de Monforte de Lemos, Pantón e O Saviñao.

No caso de Ourense, as tarefas levaranse a cabo na estrada OU-801, que comunica os municipios de Padrenda e de Ribadavia.

Ademais continuarán as actuacións nas marxes da autovía AG-51, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño; e na VG-4.6, que une Cangas e Bueu.

Reforzo da seguridade

Estas actuacións forman parte do novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.

As intervencións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas, e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

Os obxectivos deste programa son previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2023