A Xunta abre o prazo para que novos centros educativos se incorporen ao Bacharelato Stembach de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía

Este programa educativo, implantado en 45 centros, inclúe a realización dun proxecto de investigación codirixido por un docente universitario que inclúe a defensa pública, unha materia extracurricular semanal e actividades complementarias de formación

A iniciativa, enmarcada na Estratexia Educación Dixital 2030, busca o desenvolvemento de competencias STEM e para o fomento de vocacións científico-tecnolóxicas

Os centros interesados teñen ata o 5 de xullo para solicitar a súa adhesión
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2023 A Xunta vén de abrir o prazo para que os centros que o desexen poidan incorporarse ou continuar o vindeiro curso 2023-24 ao Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach. Tal e como se pode consultar no Diario Oficial de Galicia, os interesados deberán solicitar a súa adhesión a este programa ata o día 5 de xullo incluído.

Esta iniciativa, que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo en marcha por primeira vez no curso 2018-19, enmárcase na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030. Con ela busca o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares asociados ao pensamento computacional e ás tecnoloxías inmersivas (como a realidade virtual e aumentada e a intelixencia artificial). Ademais, quere fomentar a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria é tendo en conta a perspectiva de xénero.

O STEMbach contribúe a afondar no traballo das competencias matemática e en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico. Facilita tamén a adquisición de competencias transversais como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da intelixencia artificial.

Proxecto de investigación

O STEMbach ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os participantes desenvolverán un proxecto de investigación, no segundo curso desta etapa, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que estará codirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realizará unha defensa do traballo en sesión pública.

Así mesmo, estes estudantes cursarán unha materia extracurricular de afondamento relacionada co ámbito STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), en 1º e 2º de Bacharelato, cunha carga lectiva semanal de dúas ou tres horas fóra do horario ordinario do alumnado.

Xunto a investigadores recoñecidos

A maiores, este alumnado realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia, como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao remate dos dous anos do proxecto, e logo da avaliación positiva tanto da extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, os alumnos recibirán unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa, que tamén se fará constar no seu historial académico.

A Xunta de Galicia implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto e foise consolidando ata chegar a 45 centros e 741 alumnos matriculados no presente curso (o 54% deles mulleres).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/06/2023