A Xunta aproba unha nova actualización do Plan Básico Autonómico para garantir a vixencia e dinamismo desta ferramenta indispensable de ordenación urbanística

Trátase da cuarta revisión do PBA, aprobado no ano 2018 e que axuda a plasmar sobre o territorio a complexa realidade dos diferentes instrumentos de ordenación así como á identificación de todas as afeccións sectoriais vixentes na Comunidade

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023.-. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a cuarta actualización cartográfica do Plan Básico Autonómico (PBA), unha ferramenta urbanística aprobada no ano 2018 e que converteu a Galicia nunha das rexións europeas cun coñecemento máis claro e exhaustivo do seu territorio.

Dada a súa natureza de documento dinámico, esta última revisión do PBA realizada pola Xunta —resultado da nova información sectorial recibida e que introduce melloras na súa infraestrutura de datos espaciais—ten como fin mantelo plenamente actualizado.

No relativo á actualización periódica da súa información xeográfica, revisouse a relativa aos asentamentos derivados de instrumentos de planeamento urbanístico aprobados, aos instrumentos de ordenación do territorio, a costas, a transportes, a portos, a Defensa, a concentracións parcelarias, a patrimonio cultural, a riscos e a lumes.

Por outra banda, foron dúas as melloras introducidas na infraestrutura de datos espaciais: o visor SIX. A primeira, en liña co proceso comezado xa no marco da terceira actualización do PBA para conectalo coas plataformas ou bases de datos de organismos sectoriais que posúen unha infraestrutura de datos espaciais propia, foi implementar a conexión cos visores do organismo autonómico competente en materia de Protección Civil e do organismo estatal competente en Costas co obxecto de amosar en todo momento a súa información xeográfica actualizada.

En segundo lugar, habilitouse a posibilidade de descargar os arquivos de estilos de simboloxía en formato QGIS e ArcGIS das capas vectoriais que conforman os planos PDF a escala 1:10000 para facilitar o traballo do persoal técnico que participa na planificación territorial e urbanística.

Cómpre lembrar que a aprobación do PBA supuxo o punto de partida para levar a cabo os plans básicos municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan cun planeamento xeral, e, tamén, serve de referencia para os Plans xerais de ordenación municipal, co fin de acadar unha ordenación responsable e sostible do territorio galego.

Polo tanto, esta nova actualización avanza na consolidación do PBA como unha ferramenta indispensable para plasmar sobre o territorio a complexa realidade dos diferentes instrumentos de ordenación do territorio e da normativa sectorial, axudando a identificar todas as afeccións sectoriais vixentes na Comunidade, así como os asentamentos de poboación.

Data de actualización: 23/06/2023