O presidente do Executivo galego participou na inauguración das novas instalacións da empresa Cofares na Cidade do Transporte de San Cibrao das Viñas (Ourense)

Rueda destaca a aposta da Xunta polo desenvolvemento de solo empresarial para construír un futuro económico e industrial potente

Subliña a importancia da colaboración público privada para xerar riqueza en Galicia e dotar á comunidade de máis e mellores centros de traballo

Lembra que o Goberno galego dá facilidades ás empresas para que se asenten en Galicia a través da posta a disposición de solo industrial, bonificacións ou figuras legais que reducen os prazos burocráticos

Destaca que a Xunta está a destinar 83 M€ a impulsar 1,6 millóns de metros cadrados nos polígonos de San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar e o de Pardene de Allariz

San Cibrao das Viñas (Ourense), 23 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego polo desenvolvemento de solo empresarial para atraer proxectos estratéxicos á Galicia e construír un futuro económico e industrial potente. Fíxoo durante a inauguración das novas instalacións da empresa Cofares na Cidade do Transporte de San Cibrao das Viñas, en Ourense. 

O titular do Executivo galego subliñou a importancia da colaboración público-privada para xerar riqueza na comunidade e crear máis e mellores centros de traballo. Neste sentido, lembrou as facilidades que lle ofrece a Xunta ás empresas para que se asenten en Galicia a través da posta a disposición de solo industrial, bonificacións fiscais ou figuras legais para acurtar prazos burocráticos. 

Rueda salientou que a nova planta de Cofares en Ourense —que funcionará como polo loxístico para a distribución de produtos farmacéuticos en toda Galicia— é un bo exemplo “de que as cousas se están a facer ben e de que as empresas queren seguir expandíndose en Galicia”.  

Nesta liña, resaltou que o Executivo autonómico está a investir 83 M€ para impulsar 1,6 millóns de metros cadrados nos polígonos de San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar e o de Paderne de Allariz. 

 “Como Administración temos o deber de cumprir coa nosa parte, que é facilitar que as empresas poidan seguir medrando na nosa comunidade”, indicou Rueda en referencia a Cofares, que coas instalacións de San Cibrao das Viñas conta con tres centros en Galicia —ademais de Vigo e A Coruña—.

Entre as vantaxes que a Xunta pon a disposición das industrias neste ano están preto de 900.000 metros cadrados en 37 parques empresariais galegos. Ademais, a galega segue a ser a única Administración que ofrece bonificacións de entre o 30 e o 50% en todas as parcelas que son da súa propiedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2023