O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades presenta o Plan Anual de Formación do Profesorado para o curso 2023-24

A Xunta reforza a formación docente cun investimento récord de 9 M€ para 5.800 accións enfocadas a dixitalización, innovación e convivencia como liñas prioritarias

Román Rodríguez explica que o plan é “un compromiso” cos retos de futuro como a xestión tecnolóxica e con “aspectos tan esenciais” como a atención á diversidade

Salienta o incremento do 30 % ata acadar as 130.000 prazas ofertadas, o que suporá que cada docente “disporá dunha medida de catro prazas de formación” o próximo curso

Destaca a aposta por seguir traballando “nun modelo inclusivo, innovador, flexible, cooperativo e axustado ás necesidades dos alumnos”

As accións do plan fan especial énfase no acompañamento formativo aos centros para desenvolver novos currículos e impulsar a acreditación da competencia dixital docente

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia presentou esta mañá o novo Plan de Formación do Profesorado para o curso 2023-24, que inclúe un total de 5.800 actividades formativas (un 5 % máis de oferta) e 120.000 horas de formación (un 7 % de incremento), para o desenvolvemento da cales a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina un orzamento de 9,1 M€ (un 30 % máis).

No acto de presentación, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou que se trata dun “investimento récord”, con 130.000 prazas ofertadas, o que “supón que cada docente “disporá dunha medida de catro prazas de formación neste curso”. Nesta liña, puxo en valor o “esforzo orzamentario necesario” para poñer a disposición do persoal “todos os recursos precisos para seguir facendo do sistema galego un exemplo de calidade e de equidade”.

Explicou, ademais, que os contidos do plan representan “o noso compromiso” cos retos de futuro do sistema educativo galego en ámbitos como a xestión tecnolóxica combinados con outros “tan esenciais como a atención á diversidade”. “O obxectivo -sinalou o conselleiro- é seguir traballando por un modelo inclusivo, innovador, flexible, cooperativo e axustado ás necesidades dos alumnos”.

Oferta diversificada e equitativa

O plan recolle unha oferta diversificada e equitativa que se artella en torno a seis eixos concretos, que son o didáctico, o dixital, a innovación, a convivencia e inclusión, a comunicación e pluriligüismo e a atención a colectivos específicos.

As accións nel recollidas fan especial énfase no acompañamento formativo aos centros para o desenvolvemento dos novos currículos e nun novo modelo de competencias profesionais co impulso da acreditación da competencia dixital docente, entre outros.

Formación en competencias dixitais

Un dos eidos máis destacados do plan, con 2.150 accións formativas, é a formación en competencias dixitais, en liña cos novos proxectos educativos en marcha onde cada vez ten máis peso a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento.

Cómpre lembrar que a partir do vindeiro curso vanse incorporar os Polos Creativos a todos os centros de Primaria e ESO, polo que os docentes atoparán no plan toda a formación necesaria para sacarlle o máximo proveito.

Así pois, deseñouse un itinerario formativo específico de Polos Creativos que inclúe a constitución dun equipo de asesores mentores integrado por 35 profesionais vinculados aos Centros de Formación do Profesorado, que se encargarán da formación en metodoloxías de deseño e a creación de proxectos, asesoramento e mentorización. Tamén se crearán redes de mentorazgo e asesoramento para aqueles Polos que están no seu segundo ano de implantación e formación específica para os de nova incorporación.

Formación integral de novos docentes

O Plan de Formación do Profesorado inclúe tamén un plan de formación específica para os docentes que se incorporan por primeira vez ao sistema educativo galego. Nel abranguese o coñecemento de todas as partes que integran o sistema educativo, “e que permitirá -en palabras do conselleiro- a máis pronta aclimatación co seu futuro desempeño profesional”.

Estes docentes de nova incorporación recibirán formación inicial sobre a estrutura, funcións e distintos programas da Consellería, así como formación básica sobre as ferramentas de traballo corporativas tanto a nivel persoal como profesional no centro e formación sobre os principais protocolos de actuación educativa.

Convivencia, benestar e atención á diversidade

A área de convivencia e inclusión contempla 750 actividades formativas co obxectivo de chegar a 20.000 participantes. Inclúe medidas específicas enfocadas ao benestar emocional, a convivencia positiva, a coeducación e as culturas e prácticas inclusivas.

Así mesmo, na busca da mellora continua da calidade educativa, o plan incorpora unha liña formativa para a atención a colectivos especiais e ás súas necesidades específicas. Neste eido, incorpóranse itinerarios para os equipos directivos, para as persoas orientadoras, para persoal da inspección educativa e para os novos docentes. A Rede de formación do profesorado tamén dará apoio, soporte e acompañamento ás familias a través das escolas de nais e pais.

Balance actual plan

No acto tamén se aproveitou para facer balance do plan vixente durante o curso 2022-23, ao abeiro do cal desenvolvéronse máis de 5.500 actividades formativas, 125.000 prazas e máis de 30.000 docentes formados, o que supón que o 85 % do profesorado de Galicia participou nalgunha actividade formativa.

De feito, o balance arroxa que cada docente realizou unha media de 3,2 actividades e 72 horas de formación ao longo do curso.

En canto á acreditación da competencia dixital, posto en marcha por primeira vez neste curso e que se seguirá impulsado no vindeiro, acadárona un total de 20.000 docentes. Deles, o 56 % lograron certificar os niveis A2 e B1 de competencias dixitais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2023