A Xunta adxudica por 420.000 euros as obras do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido no concello de Ribadumia

Os traballos comezaranse tras o verán e terán un prazo de execución de 5 meses

Habilitarase un aparcadoiro de 77 prazas na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés e a VG-4, no núcleo de Barrantes, con 2 prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023

A Xunta adxudicou por 419.990 euros as obras do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no concello de Ribadumia.

Este novo aparcadoiro na comarca do Salnés, cuxas obras foron adxudicadas á empresa Construcciones, Obras y Viales, S.A., situarase na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés (AG-41) e a VG-4, no núcleo de Barrantes, en Ribadumia.

A Xunta prevé comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 5 meses.

En concreto, este estacionamento disuasorio distribuirase nunha superficie de 2.815 m2 sobre unha explanada adxacente á estrada provincial EP-9405 e bordeada polo rego de San Martiño, xa dedicada a estacionamento de vehículos.

O novo aparcadoiro disporá dunha capacidade de 77 prazas, todas en batería, con 2 prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.

Do total de prazas, 26 disporanse nunha illa central que se rodeará dunha franxa perimetral para tránsito peonil de 1,80 metros e carrís de circulación que serán de 4,20 metros de ancho e de sentido único. O resto das prazas disporanse nos bordos da estrada e do leito do río separadas destes por unha beirarrúa de 2,50 metros de ancho.

Na actuación contratada, intervirase no perímetro exterior do aparcadoiro e na illa central, para dispor unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá arborado e o alumeado. Ademais, para o acceso ao aparcadoiro acondicionarase o viario de acceso existente reforzando o firme en todo o ancho da plataforma, elevando o paso de peóns existente e executando un paso de peóns novo.

O aparcadoiro disporá tamén de 80 metros de varanda para protexer a caída ao leito do río San Martiño e 52 metros de valado para illar a finca colindante.

Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Data de actualización: 23/06/2023