A Xunta abre a convocatoria para financiar proxectos de investigación universitaria en materia de cooperación para o desenvolvemento no marco da Axenda 2030

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, dotada con 200.000 euros, dirixida a grupos e centros de investigación das universidades galegas e cun período de execución de dous anos

Ao igual que nas últimas convocatorias, a medida alíñase coa Axenda 2030 de desenvolvemento sustentable tendo en conta que a universidade é un espazo axeitado para promover a innovación que contribúa ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023

A Xunta abre a convocatoria de axudas para financiar a realización de proxectos de investigación e a creación de grupos de investigación en materia de cooperación ao desenvolvemento no marco da Axenda 2030, que poderán executar grupos e centros de investigación das universidades galegas. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde, dotada con 200.000 euros que se distribúen entre este ano e o próximo.

O importe máximo da axuda será de 15.000 euros no caso dun investigador/a individual que presente un proxecto de investigación, e ascenderá a 30.000 euros cando se trate dun proxecto dun grupo xa constituído. Pola súa banda, a subvención para a creación dun grupo de investigación poderá chegar a un máximo de 35.000 euros.

A presentación de solicitudes deberá realizarse a través da sede electrónica da Xunta ( https://sede.xunta.gal) no prazo dun mes contado dende mañá.

Esta convocatoria enmárcase no V Plan director da cooperación galega 2023-2026, así como no Plan anual da cooperación galega para este ano. Cumpre cos obxectivos de apostar por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación; promove unha cultura de investigación que mellora a xestión e contribúe ao impacto das intervencións; e posibilita unha maior orientación estratéxica coa posta en valor das vantaxes diferenciais de Galicia nos sectores con equipos de investigación fortes. 

En liña coa Axenda 2030

Ademais, esta orde, ao igual que as publicadas no 2019 e en 2021, vén determinada pola necesidade de aliñar a convocatoria coa Axenda 2030 de desenvolvemento sustentable. Neste sentido os proxectos financiados deben ter como obxectivo a promoción do desenvolvemento humano e sustentable, consonte a axenda nacional e internacional de desenvolvemento e en particular, aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) de Nacións Unidas. Deste xeito, considérase que a universidade é o espazo fundamental para o desenvolvemento da investigación, e é ademais o espazo axeitado para impulsar a innovación e cambios de comportamento que nos sitúen na senda do cumprimento dos ODS.

Data de actualización: 23/06/2023