A Xunta destaca o labor dos economistas a prol da estabilidade económica

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e o conselleiro de Facenda e Administración Pública participaron na celebración do patrón deste colectivo organizada polo Colexio de Economistas da Coruña

A Coruña, 22 de xuño de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou a importancia da profesión de economista para “dotar de ferramentas a cidadanía e as administracións na construción dunha realidade económica estable”. Fíxoo con motivo da celebración do patrón deste colectivo profesional nun acto organizado polo Colexio de Economistas da Coruña e que contou tamén coa presenza do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Na súa intervención Diego Calvo incidiu na necesidade de reforzar a confianza no tecido socioeconómico do país, unha responsabilidade que as administracións deben asumir cunha “xestión áxil e eficiente dos recursos”. Nesta liña sinalou a relevancia do labor de análise que realizan os economistas para entender o contexto económico e deseñar medidas axeitadas.

O vicepresidente primeiro referiuse tamén ao apoio a autónomos e empresas como un dos piares para o crecemento económico, con medidas específicas como as postas en marcha polo Goberno galego para facerlle fronte aos custos enerxéticos.

Por outra banda, Diego Calvo remarcou o compromiso da Xunta cos economistas galegos a través de diferentes colaboracións, como a establecida co Consello Galego de Colexios de Economistas no eido da xustiza para a prestación de asistencia pericial e tamén nos encontros de profesionais do Dereito Concursal e Societario. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2023