A Xunta adxudica por máis de 3,5 M€ as obras para a execución da 2ª fase de humanización da avenida de Galicia en Teis, no concello de Vigo

A previsión é comezar estas obras no outono, cun prazo de execución de 14 meses

Actuarase nos 1,56 km da PO-323, desde o límite do termo municipal de Vigo co de Redondela ata o IES de Teis, completando a remodelación deste eixe vertebrador coas obras xa en execución da 1ª fase entre a avenida da Mariña Española ao instituto

Esta nova intervención favorecerá a mobilidade interna da cidade, para o que se realizarán conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos, como a vía verde

Habilitaranse 3 zonas de aparcadoiros, incrementando nun 38% as prazas actuais

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023 A Xunta adxudicou por un importe de 3.536.777 euros as obras para executar a 2ª fase do proxecto de humanización da avenida de Galicia, na parroquia de Teis, no concello de Vigo. 

Esta actuación, adxudicada á empresa Civis Global, S.L., completará a remodelación deste eixo vertebrador da parroquia coas obras, xa iniciadas, da 1ª fase de humanización da PO-323, no treito de 500 metros que vai desde a avenida da Mariña Española ao IES de Teis.

A previsión é poder comezar esta 2ª fase dos traballos no outono, cun prazo de execución de 14 meses.

En concreto, as intervencións que se veñen de adxudicar, centraranse na humanización do treito de 1,56 km desta vía autonómica, entre o límite municipal de Vigo co municipio de Redondela ata o IES de Teis. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria, priorizando os peóns nesta vía de acceso á cidade con características urbanas.

Con esta 2ª fase, búscase fomentar a mobilidade segura e sostible, así como mellorar a mobilidade interna na cidade de Vigo, para o que se realizarán conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos, como a senda da vía verde.

A actuación incluirá a reposición de pavimento dos itinerarios existentes, a execución de zonas de aparcadoiros e a habilitación de pasos peonís sobreelevados nas interseccións que permitan a interconexión con outros itinerarios peonís. Nas zonas onde o espazo dispoñible o permite disporase arborado.

Non se prevén cambios sobre o trazado en planta, senón unha redistribución das seccións para habilitar itinerarios e os elementos funcionais, e tamén se mantén a rasante da estrada existente. 

75 prazas máis de estacionamento

En canto aos novos aparcadoiros incluídos neste contrato, está previsto executar tres novas zonas cun total de 167 prazas, o que unido ás prazas que se conservarán nas marxes da estrada, implica que haberá 273 prazas no ámbito da obra. Así, gañaranse 75 prazas con respecto ás 198 actuais, un incremento do 38%. 

Tras a análise das achegas recibidas, procederase a retranquear o saínte da vivenda no número 293 da avenida de Galicia, igualándoo coa aliñación da edificación contigua. Tamén se valorará a expropiación do terreo e a expropiación da parte da vivenda a demoler, e incluirase a reconstrución do resto da vivenda, dentro das obras que se van realizar. 

Como resultado das alegacións, tamén se levará a cabo o reforzo da semaforización no acceso ao Colexio Público San Salvador e a mellora de instalación semafórica no cruzamento entre Baixada á Rotea e a avenida de Galicia.

A Xunta impulsa esta actuación ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration-EU.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2023