A Xunta forma 200 empresas que se inician na Responsabilidade Social Empresarial para que melloren a súa competitividade e aproveiten talentos diversos

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nunha dinámica formativa con empresas no marco do programa Responsabilízate

Puxo en valor o carácter pioneiro da nova Lei galega de Igualdade que incluirá o concepto de sustentabilidade social empresarial que será determinante para impulsar a igualdade de oportunidades nas pequenas e medianas empresas

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na Cidade da Cultura nunha xornada de dinámicas formativas desenvolvidas no marco do programa Responsabilízate que a Xunta de Galicia desenvolve con dous centos de empresas que se inician na promoción da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e que apostan polos fundamentos ASG (ambientais, sociais e de goberno corporativo).

A iniciativa, tal e como explicou a directora xeral forma parte da aposta que está a facer a Xunta de Galicia por impulsar no tecido empresarial galego a sustentabilidade social empresarial; un concepto que, de xeito pioneiro, se inclúe na futura Lei autonómica de igualdade, que será determinante para mellorar a competitividade das empresas, dixo.

“Galicia contará cunha nova lei de igualdade que impulsará a sustentabilidade social empresarial como mecanismo para que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador -con independencia do seu xénero- así como a creación de equipos diversos, mellorando a súa competitividade e converténdose en polos de atracción e retención do talento”, afirmou Mancha.  

A comunidade galega mantén un compromiso firme na modernización da cultura empresarial con base nos valores ambientais, sociais e de gobernanza que están a rexer os mercados a nivel mundial. Segundo remarcou a directora xeral “a sustentabilidade social empresarial convertirase nun dos eixos fundamentais para loitar contra a discriminación da muller no eido laboral e para facer efectiva a igualdade de oportunidades en Galicia”. 

Mancha abogou pola implantación, sobre todo entre pequenas e medianas empresas, de medidas que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar, a implementación de plans de igualdade, o fomento do emprego feminino de calidade, a formación en igualdade laboral e a capacitación en habilidades dixitais ou a prevención de riscos con perspectiva de xénero. Non menos importante resulta, segundo indicou, integrar a perspectiva de xénero no teletraballo e o fomento de boas prácticas nas empresas (como o dereito á desconexión) e para apoiar a racionalización e flexibilización dos horarios de traballo.

A directora xeral puxo en valor que para acadar ese cambio de cultura, cómpre avanzar na formación en igualdade, como está a facer a Administración autonómica a través de dinámicas como a celebrada hoxe que abrangue 4 horas de formación acerca de temas como a economía circular, a comunicación da sustentabilidade, o problema dos plásticos ou o propósito empresarial de incorporar enfoques estratéxicos ás accións sociais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2023