Un total de 639 alumnos de bacharelato realizarán estadías lingüísticas no estranxeiro este verán

O obxectivo é que os estudantes galegos melloren as súas competencias idiomáticas en inglés, francés, portugués e alemán

A actividade, enmarcada na Estratexia Edulingüe 2030, inclúe unha axuda da Xunta para sufragar ata o 87% do custo destas estancias
 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución coas listaxes definitivas de persoas seleccionadas e suplentes da convocatoria de axudas para a realización de actividades lingüísticas no estranxeiro destinadas a alumnado de Bacharelato. Son un total de 639 alumnos os que participarán (372 de 1º curso e o restante de 2º de Bacharelato) nestas estadías co fin de mellorar as súas competencias nos idiomas inglés, francés, portugués e alemán. 

Os estudantes seleccionados disporá de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña en agosto. A partir deste momento, o alumnado seleccionado deberá entregar a documentación correspondente seguindo as indicacións dadas na resolución. As prazas en cada modalidade son as que se inclúen na seguinte táboa:

 
Curso
Modalidade
Prazas
2º Bacharelato
Inglés en Canadá
85
2º Bacharelato

Inglés no Reino Unido

145
2º Bacharelato
Francés en Francia
30
2º Bacharelato

Portugués en Portugal

2
2º Bacharelato
Alemán en Alemaña
5
1º Bacharelato

Inglés no Reino Unido

190
1º Bacharelato
Inglés en Canadá
143
1º Bacharelato
Francés en Francia
30
1º Bacharelato

Portugués en Portugal

4
1º Bacharelato
Alemán en Alemaña
5
 
Total
639
 
 O programa inclúe unha axuda para as familias a través da que se sufraga entre o 87% e o 50% do custo das estancias dos estudantes en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña, cun orzamento total que ascende a preto de 2M€. Deste xeito, a Xunta faise cargo de parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.

Contacto idiomático e cultural

O propósito desta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030, non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón tamén entrar en contacto con outras linguas, persoas, culturas e realidades nun contexto de inmersión ou integración nun país estranxeiro. Deste modo, favorécese o acceso a un mercado laboral cambiante e contribúese de xeito moi significativo ao desenvolvemento académico e persoal do alumnado. 

O coñecemento dun idioma estranxeiro converteuse nun dos obxectivos básicos do sistema educativo porque contribúe, por unha banda, á formación integral do alumnado e, por outro, porque é un valioso medio para o achegamento aos diferentes ambientes culturais-sociais. A estadía no país correspondente é un complemento perfecto ao estudo realizado durante o curso académico.

 

Data de actualización: 21/06/2023