As carreiras de obstáculos (OCR) regresan ao Gaiás o vindeiro 2 de setembro grazas á iniciativa da Gladiator Race, apoiada pola Xunta

A carreira contará con máis de 6 quilómetros e 30 obstáculos e as entradas poderanse adquirir dende mañá ás 22,00 horas

Santiago, 21 de xuño de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo e a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez presentaron na mañá de hoxe a carreira de obstáculos (OCR) Gladiator Race que terá lugar na contorna do Monte Gaiás o vindeiro sábado 2 de setembro. A carreira contará con máis de 6 quilómetros e 30 obstáculos e as entradas poderanse adquirir dende mañá ás 22,00 horas.

 

O responsable do Deporte galego salientou o apoio da Xunta a esta carreira e a este tipo de eventos, como xa aconteceu en 2019 coa carreira de obstáculos O Camiño Race que supuxo un grande éxito organizativo e de participación. Lete Lasa sinalou que, igual que o deporte galego mellorou as súas cifras de licenzas deportivas e de nenos e nenas mutualizados no programa Xogade tras a pandemia, a vindeira carreira de obstáculos que albergará o Gaiás superará as expectativas e amosou a súa esperanza de que se converta nunha cita recorrente.

 

Lete Lasa recordou a figura dos gladiadores do Imperio Romano aos que identificou como os grandes deportistas que temos hoxe en día e que en Galicia teñen acadado 22 medallas olímpicas e 47 paralímpicas. Neste sentido aplaudiu a versatilidade da carreira orientada tanto aos deportistas de alto nivel como os de perfil máis popular que intentan imitar a eses gladiadores que semana tras semana acadan importantes triunfos no panorama deportivo nacional e internacional.

 

Deste xeito, a Gladiator Race conta cunha filosofía parella ao lema do Plan Galicia Saudable da Xunta, ‘Deporte para toda a vida’ que procura a expansión dos hábitos activos e saudables en toda a poboación. Así, felicitou aos organizadores pola Gladiator Kids, onde os máis pequenos de entre 3 e 12 anos recorrerán unha menor distancia con menos obstáculos acompañados dos seus pais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2023