A Xunta convoca por primeira vez axudas para a promoción de aloxamentos temporais, modelos de cohousing e vivendas interxeneracionais por 6,8 M€

As solicitudes para optar a estas subvencións, dirixidas a entidades privadas e empresas, poden presentarse a partir de mañá e ata o 2 de novembro de 2023

A contía máxima a percibir é de 50.000 € por aloxamento ou vivenda en inmobles tanto de nova construción como rehabilitados a partir doutros xa existentes
 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023.- A Xunta convocou hoxe por primeira vez en Galicia unha liña de axudas para o fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeneracionais e modalidades similares, cun orzamento total de 6,8 millóns de euros para as anualidades que van de 2023 a 2026 xa que as intervencións subvencionables teñen carácter plurianual.

Segundo se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, a partir de mañá e ata o vindeiro 2 de novembro, salvo esgotamento do crédito dispoñible, os interesados en optar a estas axudas —dirixidas a entidades privadas e empresas que desexen promover inmobles destinados aos usos previstos na convocatoriapoderán presentar as súas solicitudes.

As subvencións poderán destinarse tanto a inmobles de nova construción como á rehabilitación doutros xa existentes e as vivendas ou aloxamentos resultantes deberán dedicarse a alugueiro durante un prazo de polo menos 20 anos, que se computará desde a primeira ocupación do inmoble.

Os promotores destes aloxamentos recibirán unha axuda de ata un máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía non poderá superar o 50% do investimento e, como máximo, será de 50.000 euros por aloxamento ou vivenda.

En canto aos edificios, deberán ser accesibles, dispoñer dunha cualificación enerxética A como mínimo e cumprir a normativa de habitabilidade de vivenda vixente en Galicia.

Pola súa parte, as persoas usuarias dos aloxamentos ou vivendas financiadas con estas axudas deberán ter ingresos anuais que non superen 5 veces o Iprem —42.000 euros—, sumando os de todas as persoas que compoñan a unidade familiar.

O prezo do alugueiro por metro cadrado, no momento da sinatura do contrato, non poderá superar o das vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral que corresponda á zona xeográfica na que estea a vivenda. No suposto de que se inclúan espazos comúns e de interrelación, poderá incrementarse este importe co prezo proporcional da superficie destes sen que poida superar 8 euros mensuais por metro cadrado de superficie útil de aloxamento ou vivenda incluída a parte proporcional de superficie dos espazos comúns e de interrelación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2023