A Xunta amplía a investigación e posta en valor do xacemento de Río Caldo de Lobios cunha nova campaña

Está previsto que os traballos que dan continuidade á intervención realizada no ano 2021 comecen esta semana co obxectivo de mellorar a conservación desta área

O proxecto inclúe labores de limpeza, prospeccións xeofísicas para delimitar a extensión do xacemento romano e a consolidación de elementos xa exhumados

Todos os traballos quedarán documentados mediante fotografías e serán divulgados entre a cidadanía a través dunha visita guiada

O xacemento correspóndese cos restos dunha ‘mansio’ viaria de época romana relacionada coa Via Nova
 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

A Xunta ampliará a investigación e posta en valor do xacemento romano de Río Caldo cunha nova campaña arqueolóxica que se porá en marcha esta semana. Trátase duns traballos que dan continuidade á investigación realizada no ano 2021 e que están dirixidas a mellorar as condicións de conservación do xacemento e a ampliar o coñecemento e documentación arredor desta área.

Os traballos previstos ao abeiro deste proxecto, que conta cun prazo aproximado de 15 días para os traballos de campo, inclúen tarefas de roza e limpeza, así como unha prospección xeofísica mediante a técnica de xeorradar para delimitar a extensión do xacemento arqueolóxico. Ademais, ampliarase o traballo feito en campañas anteriores mediante a escavación dunha área de aproximadamente 40m2 e a consolidación e restauración das estruturas e elementos xa exhumados.

Para completar o proxecto farase un levantamento topográfico xeorreferenciado, con fotogrametría 3D, da área de intervención. Todos os traballos quedarán documentados mediante fotografías e serán divulgados entre a cidadanía a través dunha visita guiada, que se fará unha vez remate a actuación.

O xacemento arqueolóxico romano de Río Caldo, sito preto do lugar dos Baños do concello ourensán de Lobios, correspóndese cos restos dunha mansio viaria de época romana relacionada coa Via Nova. Os seus restos foron escavados e postos en valor entre os anos 1993 a 1996, cando se levou a cabo a reconstrución do seu hipocausto e a instalación dunha pasarela metálica para facilitar a súa visita. Con posterioridade, realizáronse varias actuacións de conservación e mantemento promovidas pola propia Consellería de Cultura, sendo a derradeira intervención no ano 2021.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2023