O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o procedemento que regula a concesión das axudas para a posta en marcha desta iniciativa

A Xunta abre mañá o prazo para que entidades e concellos se acollan ao novo programa Xuventude Mentoring na Empresa

Destínanse 1,2 millóns de euros para facilitar a persoas mozas de 18 a 30 anos estadías formativas de tres meses en empresas que melloren a súa capacidade profesional e empregabilidade

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

A Xunta abre desde mañá e durante un mes o prazo para que entidades e concellos presenten, a través da sede electrónica da Administración autonómica, as súas solicitudes para acollerse ao programa Xuventude Mentoring na Empresa. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe recolle o procedemento que rexe a concesión destas axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a posta en marcha desta iniciativa, que consiste en ofrecer a xente nova estadías formativas de ata tres meses en empresas ou entidades públicas ou privadas vinculadas a sectores económicos estratéxicos en Galicia e que melloren as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral.

O Goberno galego destina 1,2 millóns de euros a esta nova proposta, financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020. O Xuventude Mentoring na Empresa ten como finalidade reforzar tanto a empregabilidade como as habilidades e competencias profesionais de xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

As propostas que presenten as entidades e concellos deberán contar cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas mozas participantes e a estadía formativa destas serán de tres meses consecutivos, cunha duración mínima de 100 horas ao mes e un mínimo de catro días á semana. O importe máximo da subvención que se concederá a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto formativo é de 120.000 euros.

Bolsas de formación en sectores estratéxicos

Na achega inclúese unha bolsa de formación por mozo participante dun mínimo de 630 euros mensuais, que se poderán incrementar en 100 euros por custos de desprazamento e outros 100 para os mozos cunha discapacidade igual ou superior ao 33%. Así mesmo, os participantes contarán cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego cun mínimo de 20 horas lectivas e cun titor encargado do seguimento da súa estadía.

As empresas ou entidades públicas ou privadas en que se realicen as estadías formativas deberán ser galegas ou ter centros de traballo en Galicia, e estar vinculadas aos seguintes sectores económicos estratéxicos para a nosa comunidade: aeronáutica, agroalimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil/moda, tecnoloxías da información e da comunicación, e calidade de vida e benestar.

 
Data de actualización: 21/06/2023