A Xunta somete a información pública o proxecto de Forestal del Atlántico para instalar unha planta de metanol verde en Mugardos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio que outorga un prazo de 30 días hábiles para a presentación de alegacións ou observacións

A iniciativa, declarada Proxecto Industrial Estratéxico, supón un investimento de ao redor de 180 millóns de euros e céntrase na fabricación de metanol verde a partir de dióxido de carbono capturado nas actuais instalacións da empresa, e de hidróxeno producido por electrólise da auga utilizando enerxía eléctrica de orixe renovable

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

A Xunta avanza na tramitación da planta de metanol verde promovida por Forestal del Atlántico coa publicación hoxe, no Diario Oficial de Galicia (DOG), do anuncio polo que se somete a información pública esta iniciativa. Desde mañá, ábrese un prazo de 30 días hábiles para o exame da documentación e a posible presentación de alegacións ou observacións. 

A iniciativa, declarada Proxecto Industrial Estratéxico polo Consello da Xunta o pasado mes de outubro, conta cun investimento de ao redor de 180 millóns de euros e contribuirá á descarbonización do sector industrial galego. O obxectivo principal do proxecto é a fabricación de metanol verde a partir de dióxido de carbono capturado nas actuais instalacións da empresa, e de hidróxeno producido por electrólise da auga utilizando enerxía eléctrica de orixe renovable. Obterase tamén no proceso osíxeno que se licuará e almacenará para a súa comercialización. A produción que se alcance permitirá cubrir a demanda enerxética da propia compañía e destinar parte para a súa venda directa como materia prima de cara á fabricación de biocombustibles.

A declaración como proxecto industrial estratéxico permite a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos- mantendo as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais.

Data de actualización: 21/06/2023