O presidente da Xunta visitou o CIFP As Mercedes de Lugo, que forma parte da Rede de Centros Integrados de Formación Profesional
Rueda salienta a revolución silenciosa e imparable da Formación Profesional galega cunha oferta de 42.174 prazas, a máis alta da historia de Galicia
Destaca que o alumnado de FP poderá elixir no vindeiro curso entre 182 ensinanzas diferentes
Anuncia que se vai seguir ampliando ciclos, ofrecendo máis recursos económicos e flexibilizando criterios para cursalos
Defende a aposta “rompedora e innovadora” pola FP Dual da que asegura que está a reducir a taxa de abandono escolar, propiciando a remuda xeracional ou suplindo o déficit de traballadores que rexistran certos sectores
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a “revolución silenciosa e imparable” que está a rexistrar a Formación Profesional galega cunha oferta de 42.174 prazas para o vindeiro curso, o que supón un incremento do 12 %, “a maior da historia de Galicia”, enxalzou.
O presidente garantiu que o Goberno galego vai seguir reforzando a Formación Profesional en Galicia “ampliando o número de ciclos, ofrecendo máis recursos económicos e flexibilizando os criterios para cursalos”. Así, explicou que no vindeiro curso o alumnado poderá escoller entre 182 ensinanzas diferentes de FP, “cun aumento de 4.500 prazas”.
Rueda precisou que ese abano inclúe nove titulacións máis, das que tres son de alta especialización a través da FP Dual; “unha delas, o ciclo superior de Automoción especializado en vehículos de competición que se vai impartir no centro lucense”, engadiu.
Ademais, garantiu que a Xunta seguirá potenciando a FP Dual, “cun incremento de 135 % das prazas respecto do curso pasado”, o que permitirá incorporar na provincia de Lugo —segundo concretou— as familias profesionais de Imaxe e Son e Marítimo Pesqueira.
Vantaxes da FP Dual
Rueda aproveitou esta visita para defender as “vantaxes” da Formación Profesional Dual, un modelo que cualificou de “rompedor e innovador”, do que salientou que está a “reducir a taxa de abandono escolar, diminuíndo o déficit de traballadores existentes nalgúns sectores, suplindo a falta de remuda xeracional, aumentando a empregabilidade e fixando poboación no territorio”.
O CIFP As Mercedes pertence desde o ano 2022 á Rede estatal de Centros de Excelencia de FP no sector aeronáutico e, nos últimos anos, a Xunta investiu nel 5,3 millóns de euros para adaptalo ás necesidades dunha formación de calidade que aspira á excelencia.