A Xunta adxudica por máis de 150.000 € as obras que completan a mellora do abastecemento de Outeiro de Rei

Executarase un ramal que conectará coa rede actual na zona empresarial, pasando baixo a A-6

Mediante esta actuación reforzarase o sistema de abastecemento municipal, completando á executada nunha 1ª fase, que incluíu a disposición dun ramal de máis de 3 km de condución

As obras teñen un prazo de execución de 2 meses e o obxectivo e rematalas este mesmo ano

A Xunta financiará o 80% da actuación, achegando o Concello o 20% restante
 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras da 2ª fase da mellora do abastecemento de Outeiro de Rei, que completará a ampliación da rede deste municipio.

As actuacións, adxudicadas por un importe de 151.833 euros á empresa Construcciones y Canalizaciones José Saa, S.L., contan cun prazo de execución de 2 meses, polo que o obxectivo é telas rematalas este mesmo ano.

Os traballos permitirán reforzar o sistema de abastecemento municipal, para o que nesta 2ª fase se executarán as obras de ampliación da rede mediante a instalación dun ramal que conectará coa rede actual na zona empresarial de Outeiro de Rei, pasando baixo a A-6.

Esta intervención dará continuidade á 1ª fase xa executada, que abrangueu un ramal de máis de 3 quilómetros de condución.

As obras contan coa cofinanciación do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do programa PDR Galicia 2014-2020.

A actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Outeiro de Rei, polo que a Xunta, a través de Augas de Galicia, financia o 80% da intervención, achegando a entidade local o 20% restante.

Os traballos recollidos neste contrato permitirán proporcionar un servizo de abastecemento eficiente aos veciños e ás empresas do polígono, mellorando o sistema de abastecemento.

Data de actualización: 21/06/2023