A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil, Miguel Ángel González, asinaron hoxe o protocolo para a realización de actividades de control e vixilancia en defensa do dominio público hidráulico

A Xunta e o Seprona impulsan un plan de actuación conxunto para a defensa dos ríos da Demarcación Galicia-Costa e intensificar a loita contra os vertidos

Vázquez Mourelle destaca que o obxectivo é reforzar a colaboración xa en marcha entre a Xunta e a Garda Civil a través da planificación, a coordinación de actuacións, o intercambio de datos e a formación dos profesionais para preservar o recurso hídrico

Sinala que se vai desenvolver un programa conxunto de vixilancia, inspección e denuncia de actividades non autorizadas que afecten ao dominio público hidráulico

Detalla que as intervencións se centrarán en captacións de auga sen permiso, talas ou plantacións en zona de servidume e, especialmente, en vertidos non autorizados

Concreta que en 2022 e no que vai de ano, das 600 denuncias presentadas por infraccións nos ríos de Galicia-Costa, o 30%, arredor de 80, foron tramitadas polo Seprona

Remarca que grazas ao traballo de Augas de Galicia e do Seprona se reduciron os vertidos contaminantes, que eran o 40% do total en 2010 e hoxe son menos do 15%

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

A Xunta e o Seprona acordan impulsar un plan de actuación conxunto para a defensa dos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e intensificar a loita contra os vertidos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil, Miguel Ángel González, asinaron hoxe o protocolo para a realización de actividades de control e vixilancia en defensa do dominio público hidráulico. No acto tamén estivo presente a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o coordinador do Seprona en Galicia, Víctor Manuel Leiva.

O obxectivo do acordo é reforzar a colaboración que xa está en marcha desde hai anos entre a Xunta e a Garda Civil, prevendo a planificación, a coordinación de actuacións, o intercambio de datos e a formación dos profesionais para preservar o recurso hídrico.

Vázquez Mourelle sinalou que Augas de Galicia e o Seprona van elaborar e desenvolver un programa de actuacións conxunto destinado á vixilancia, inspección, control e denuncia de actividades non autorizadas que poidan afectar ao dominio público hidráulico.

Detallou que estas intervencións se centrarán, por exemplo, en captacións ou derivacións de auga sen permiso, ocupación irregular do dominio público hidráulico con pasarelas ou calquera outro elemento ou talas ou plantacións en zona de servidume.

Tamén serán obxectos do seguimento accións de extracción de áridos, obras de canalizacións e, especialmente, vertidos non autorizados, que son o maior dos inimigos dos ríos galegos e a gran ameaza para a súa saúde.

Lembrou que Augas de Galicia ten activo desde o ano 2009 o Plan de control de vertidos, unha ferramenta eficiente que marcou un antes e un despois no coñecemento e seguimento do conxunto de achegas que se producen sobre as augas.

Ethel Vázquez concretou que entre o ano 2022 e no que vai de 2023, das 600 denuncias presentadas por infraccións nos ríos da demarcación Galicia-Costa, aproximadamente o 30%, unhas 80, foron tramitadas polo Seprona.

Remarcou que grazas ao traballo dos técnicos e a colaboración do Seprona se reduciron de forma moi notable os vertidos contaminantes, que representaban o 40% do total en 2010 e hoxe son menos do 15%.

Neste sentido, a titular de Infraestruturas e Mobilidade avogou por seguir traballando de forma conxunta a prol da conservación da auga, que é un ben cada vez máis escaso, tendo en conta ademais o actual contexto de cambio climático, o que obriga a actuar con maior eficacia na protección dos ríos.

Por último, puxo en valor os ríos galegos como fonte de abastecemento de auga, pero tamén como elemento definitorio de Galicia ao ser un patrimonio natural de enorme valor para a supervivencia dos ecosistemas que forman o territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2023