A Xunta licita o servizo de revisión de seguridade das presas de Baiona, Eiras, O Con e Caldas de Reis, as 4 de titularidade autonómica

A Plataforma de contratos de Galicia recolle a licitación dos catro lotes, cun orzamento global de 422.000 euros e un prazo de execución de 9 meses

Fixaranse as condicións técnicas das revisións da seguridade na presa de Baiona, que encora as augas do río Baíña, e na presa de Eiras, que encora no río Oitavén, e está situada nos concellos de Fornelos de Montes e Ponte Caldelas

Tamén inclúe a presa do Con, que encora as augas do río Con, no municipio de Vilagarcía de Arousa; e na presa de Caldas de Reis, que encora no río Umia

As novas Normas Técnicas de Seguridade para as presas e os seus encoros establecen a obriga de realizar a revisión xeral de seguridade das grandes presas por parte dun equipo técnico distinto ao que desenvolve a explotación

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar a contratación do servizo para a realización da revisión de seguridade das presas de Baiona, Eiras, O Con e Caldas de Reis, de titularidade da entidade hidráulica da Xunta.  

A Plataforma de contratos de Galicia recolle hoxe a licitación deste servizo, dividido en catro lotes, un por cada presa, cun orzamento total de 422.207 euros. Os traballos contan cun prazo de execución de 9 meses. 

Este contrato da entidade hidráulica da Xunta responde á necesidade de definir os traballos e fixar as condicións técnicas para levar a cabo as revisións de seguridade destas 4 grandes presas de titularidade autonómica, conforme ao recollido na normativa vixente. 

O Real Decreto 264/2021, de 13 de abril, foron aprobadas as novas Normas Técnicas de Seguridade para as presas e os seus encoros (NTS) establece a obrigación de realizar a revisión xeral de seguridade das grandes presas. 

O lote 1 deste contrato céntrase na presa de Baiona, que encora as augas do río Baíña, e está situada no concello de Baiona; e o lote 2 diríxese á presa de Eiras, que encora as augas do río Oitavén, e está situada nos concellos de Fornelos de Montes e Ponte Caldelas

O lote 3 engloba os traballos na presa do Con, que encora as augas do río Con, e está situada no concello de Vilagarcía de Arousa; e o lote 4 céntrase na presa de Caldas de Reis, que encora as augas do río Umia.  

O detalle do contrato

De acordo coa nova normativa, a revisión de seguridade debe realizarse por un equipo técnico especializado distinto do que desenvolve a explotación e asume a seguridade. 

A empresa adxudicataria deberá revisar a documentación do arquivo técnico, realizar a inspección do estado de cada unha das presas e das súas instalacións, así como analizar o sistema de seguridade das presas e dos encoros. 

Como resultados dos traballos, deberá elaborarse o documento de revisión de seguridade que incluirá, entre outros aspectos, unha descrición sucinta da presa, encoro, instalacións, accesos e elementos anexos que resulten significativos para a análise da seguridade; así como o resumo dos aspectos tratados na análise. 

O servizo abrangue a elaboración das conclusións relativas á análise da seguridade da presa e do encoro segundo o establecido nos apartados anteriores; e as propostas de actuacións a desenvolver, con orzamento estimado e prazos de realización. 

Ademais, este contrato deberán incluír as posibles limitacións á explotación de carácter definitivo ou provisional á espera de levar a cabo os traballos incluídos no punto anterior.

As empresas interesadas en desenvolver este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 31 de xullo.

Data de actualización: 20/06/2023