A Xunta financia a contratación de 19 socorristas para a próxima campaña de verán en cinco concellos do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade anunciou a concesión de 35.490€ para os municipios da Guarda, Tomiño, A Cañiza, O Rosal e As Neves para garantir a seguridade en praias, zonas fluviais e piscinas

Pontevedra, 19 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai financiar a contratación de 10 socorristas para a próxima campaña de verán en cinco concellos das comarcas do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta ao abeiro da orde de axudas para o fomento do emprego e a mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais. 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade informou da concesión destas axudas, que veñen de notificarse aos concellos beneficiarios e que nestas bisbarras ascenden a 35.490 euros. 

Así, o departamento autonómico aprobou tres axudas de salvamento a prol do Concello da Guarda para as súas praias por importe de 10.560 euros, dúas para a praia fluvial de Goián en Tomiño (7.040 euros), outras dúas para as piscinas A Cañiza (6.970 euros), dúas para As Neves (7.400 euros) e unha para o servizo de salvamento e socorrismo na praia das Eiras, no Concello do Rosal (3.520 euros). En todos os casos, subvenciónase a contratación por espazo de dous meses.

“A seguridade no verán, especialmente en espazos acuáticos como praias e zonas fluviais ou recintos municipais como as piscinas, é fundamental para seguir mantendo a Galicia como destino seguro e por iso dende a Xunta colaboramos moito cos concellos para que se doten de profesionais axeitados”, sinalaron dende a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Data de actualización: 20/06/2023