O Diario Oficial de Galicia publica a transferencia a prol do Concello de Brión do treito máis urbano da estrada AC-543 no municipio

O cambio de titularidade enmárcase na colaboración entre a Xunta e o Concello para intervir nun tramo de 1,5 km desta vía autonómica, cun investimento de 605.000 euros

O convenio inclúe a asunción por parte da entidade local da titularidade do treito intermedio da vía, entre os quilómetros 8+390 e o 10+000

A Xunta asumirá o financiamento do 70% das actuacións, cun investimento de 424.000 euros, e o Concello completará o orzamento restante e contratará e executará as obras

O Concello asume a competencia para actuar neste treito e a responsabilidade da súa conservación e mantemento

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a transferencia a prol do Concello de Brión do treito máis urbano da estrada AC-543, para o seu acondicionamento ao paso polo municipio.

Este cambio de titularidade enmárcase no convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Brión para actuar nun tramo de 1,5 km desta vía autonómica, que suporá un investimento de 605.000 euros. 

En concreto, o treito obxecto da transferencia correspóndese coa AC-543 desde o punto quilométrico 8+390 ao 10+000, xunto co seu dominio público asociado, coa excepción da calzada e beiravía das glorietas desta vía autonómica nos puntos de conexión con outras vías autonómicas, que seguirán sendo de titularidade da Xunta. 

En canto ás actuacións recollidas no convenio asinado entre ambas as administracións, a Xunta asumirá o 70% do financiamento das obras, achegando preto de 424.000 euros, e o Concello completará o investimento restante e contratará e executará os traballos.  

As actuacións propostas permitirán á Xunta e ao Concello coordinarse na adopción das medidas de calmado de tráfico necesarias e darlle unha funcionalidade adaptada á dunha rúa municipal a este treito intermedio da vía autonómica. 

A estrada AC-543 atende agora unha mobilidade de carácter local, tras a apertura da autovía Santiago-Brión, a AG-56, e a súa continuación ata Noia como vía de altas prestacións.

A intervención recollida no convenio de colaboración ten como obxectivo conseguir que a estrada AC-543 ao seu paso por Brión se converta nunha rúa, nunha vía máis humana ao servizo dos núcleos de poboación polos que pasa e con especial atención aos usuarios vulnerables. 

Así, as obras centraranse na ampliación e renovación das beirarrúas, sendo preciso para iso estreitar a propia calzada; na reposición da capa de rodaxe en ambos os dous carrís, beiravías e bandas de estacionamento; e na renovación da sinalización. 

Na execución destas actuacións, e para non solapar nin duplicar traballo, o Concello deberá ter en conta as obras de mellora da accesibilidade e conexións das paradas de autobuses que está a impulsar a Xunta nas estradas da súa titularidade. A actuación programada pola Xunta prevé mellorar seis paradas de autobús que están situadas neste treito da estrada AC-543: en ambas as marxes no lugar do Tremo, na gasolineira do Tremo e no empalme de Liñares.

Coa publicación hoxe deste decreto, o Concello de Brión terá a competencia para actuar neste treito e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 8 de xuño: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230620/AnuncioG0533-120623-0002_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2023