Na xuntanza participaron o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, o xefe territorial de Pontevedra e técnicos da unidade de obras e da empresa adxudicataria

A Xunta reúnese coa dirección e as Anpas do instituto Valle-Inclán para explicar o plan de traballo da ambiciosa rehabilitación integral do centro

As obras, que teñen unha duración estimada de 16 meses, arrancarán a finais deste mes, unha vez que conclúan as clases para aproveitar o verán

Acometeranse en cinco fases deseñadas de tal xeito que afecten o mínimo posible ao desenvolvemento do período lectivo e coas máximas medidas de seguridade

O alumnado de ESO permanecerá no centro durante todo o período lectivo

O alumnado de Bacharelato comezará o curso nas aulas ordinarias e, a partir de outubro, trasladarase a aulas móbiles que se situarán na explanada da fachada

Estas aulas -que se empregan habitualmente no caso de obras nas que fai falta habilitar novos espazos- contan con todas as comodidades de confort e climatización e os mesmos servizos de conexión e de prestación dunha aula ordinaria

Establecerase un único horario de mañá para o alumnado de ESO e Bacharelato co fin de que os traballos máis molestos se acometan polas tardes

Os alumnos que cursan estudos da Escola Oficial de Idiomas e en réxime de adultos trasladaranse ao Sánchez Cantón, onde manterán os grupos e o seu profesorado

O plan de obra inclúe separacións biosanitarias con medidas preventivas iguais que as que se empregan nas obras dos centros hospitalarios

Acórdase crear unha comisión de seguimento entre o equipo da Consellería, o centro e as familias para abordar todas as cuestións que se consideren necesarias

A Administración autonómica agradece a colaboración do Concello para o desenvolvemento desta obra, que é a de maior envergadura no centro desde os 70
 

Pontevedra, 19 de xuño de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de manter hoxe unha reunión co equipo directivo e as anpas do Instituto IES Valle-Inclán, de Pontevedra, co obxectivo de presentarlles o plan de traballo da obra de rehabilitación integral, a de maior envergadura realizada neste centro desde os anos 70 e a máis ambiciosa de todos os centros educativos de Galicia nos últimos anos.

Na xuntanza, na que asistiron o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila; o xefe territorial de Pontevedra, César Pérez; o subdirector xeral de Construcións e Equipamento, Rafael Bouzas, e profesionais da unidade técnica e da empresa adxudicataria que levará a cabo a rehabilitación, detalláronse todos os pasos da obra -que se realizará en cinco fases- así como as medidas organizativas que se implementarán, sobre todo a partir do inicio do curso o vindeiro setembro. Unha obra que, segundo explicou o secretario xeral técnico, “é equiparable a construción dun novo colexio”, con 4,7M€ de orzamento para a actuación no cen por cen do edificio. Tamén se referiu á “gran envergadura loxística” dos traballos nun edificio no que conviven diariamente “arredor de 1.000 persoas que conforman a comunidade educativa entre alumnos, profesores e persoal”.

Para iso, o plan de traballo responde a dous obxectivos básicos que son que interfira o menos posible na actividade lectiva e que se leve a cabo coa total seguridade para os usuarios do centro. Nesta liña, o plan inclúe separacións biosanitarias, que son as que se empregan nas obras que se realizan nos hospitais para compaxinar as melloras nas infraestruturas coa atención hospitalaria.

Un plan en cinco fases

O plan de obra inclúe cinco fases sectorializadas. Isto é, cada unha delas está pensada para actuar sobre unha zona concreta do centro.

Este mesmo mes, coincidindo co remate das clases, comezarase xa coa primeira das cinco fases previstas (a fase A), que se alargará ata setembro, co obxectivo de aproveitar a tempada sen clases. Durante este tempo, as obras centraranse na renovación dos aseos de todas as plantas e as súas afectacións nos distintos corredores.

Unha vez concluída esta primeira fase, os traballos desprázanse ás aulas, polo que é necesario abordar unha reorganización física e horaria do centro a partir do próximo curso, que estreará horario unicamente de mañá para que a empresa poida executar os traballos máis ruidosos durante as tardes.

Canto a organización de espazos, os 16 grupos de ESO manteranse no edificio do instituto durante toda todas as obras.

No caso dos dez grupos de Bacharelato, os alumnos iniciarán o curso en setembro nas súas aulas no interior. Non obstante, unha vez que as obras vaian avanzando, prevese que a mediados de outubro se trasladen a aulas móbiles que se instalarán na fachada principal do Valle-Inclán (rúa Montero Ríos), unha vez celebrado o Mundial de Triatlón.

Trátase dun tipo de aulas totalmente equipadas tanto desde o punto de vista do confort e da climatización como de servizos (conexión a internet, pizarras dixitais...) que cunha aula ordinaria. De feito, a utilización destas aulas móbiles provisionais é habitual en caso de obras deste tipo que esixen da habilitación de novos espazos para asegurar a docencia. Non obstante, este alumnado seguirá usando os servizos comúns (laboratorio, aseos, etc) do centro, como ata o de agora.

Por outra parte, os alumnos matriculados na Escola Oficial de Idiomas e no réxime de Adultos neste centro trasladaranse xa, desde inicio de curso, ao Instituto IES Sánchez Cantón, onde manterán o seu grupo de clase, horario e profesorado que teñen no Valle-Inclán.

Na xuntanza de hoxe tamén se acordou crear unha comisión de seguimento entre representantes da Consellería, do centro e das familias, con reunións periódicas, para avaliar o seu desenvolvemento abordar calquera cuestión que poida xurdir ao longo do tempo que duren as obras.

Así mesmo, a Xunta aproveitou para agradecer a colaboración do Concello de Pontevedra con este proxecto. Os técnicos da Consellería estarán en permanente contacto cos técnicos municipais para analizar todas as cuestións vinculadas ás aulas móbiles, así como de resto de detalles relacionados coa intervención.

Mellora da totalidade do centro

Cun importe de 4,7M€ e un prazo de execución de 16 meses, a rehabilitación integral no Instituto Valle-Inclán supón actuar na totalidade deste edificio histórico singular con características da arquitectura ecléctica de finais do XIX e elementos do Art Nouveau, que iniciou a súa construción en 1908. Desde entón foi obxecto de diferentes obras de reforma e reparación de distinta envergadura, realizándose a última gran intervención no ano 1972.

Agora entra nunha nova etapa coa obra de maior calado desde hai cinco décadas que inclúe a rehabilitación enerxética, estrutural e funcional deste instituto histórico, programada ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, e que redundará nun aforro de preto do 60% de enerxía no centro.

O plan de obra abrangue a limpeza e illamento térmico das fachadas e o reforzo da estrutura horizontal do edificio, a actualización dos elementos de protección fronte ao lume, a renovación da rede horizontal de saneamento e a revisión e reforzo da estrutura horizontal.

No caso das cubertas, cambiaranse completamente, incluíndo os canlóns e baixantes, mentres que no caso da carpintería exterior acometerase unha renovación integral, renovando tamén os vidros nas carpinterías de madeira do patio e as instalacións interiores de iluminación.

No que atinxe ao sistema de calefacción, renovaranse as caldeiras e os seus elementos complementarios, incluíndo a nova subministración de enerxía por medio de gas natural, aumentando a dotación de radiadores.

Ademais, introducirase un sistema de xestión centralizada de calefacción, incluíndo termóstatos para controlar a demanda nas diferentes zonas do edificio, co obxecto de axustar en todo momento a produción de enerxía térmica á demanda real do edificio. A maiores, mellorarase o sistema de ventilación e renovarase a subministración de auga fría, quente e evacuación dos aseos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2023