A Xunta salienta os lazos de amizade secular co Uruguai e aposta por reforzar a colaboración en eidos estratéxicos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu á celebración da Festa Nacional organizada polo Consulado Xeral do Uruguai en Compostela

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na celebración da Festa Nacional do Uruguai, onde destacou os lazos de amizade secular con este país e apostou por reforzar a colaboración en eidos socioeconómicos estratéxicos para ambos os territorios. No acto, organizado polo Consulado Xeral do Uruguai, Diego Calvo estivo acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Miranda, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

O vicepresidente primeiro incidiu no agradecemento ao espírito de acollida uruguaio que lles permitiu a milleiros de galegos e galegas buscar unha vida mellor e contribuír á puxanza de Uruguai, “un país que é exemplo de estabilidade e crecemento sostido”, engadiu. Nesta liña referiuse aos máis de 40.000 galegos, moitas deles descendentes, que viven na actualidade no Uruguai, converténdoo nun dos países con maior presenza galega en proporción á súa poboación.

Canto á colaboración entre Galicia e o país uruguaio, Diego Calvo sinalou o apoio aos residentes galegos e ás súas entidades, así como os programas específicos da Secretaría Xeral da Emigración para o coidado de persoas maiores, de dependentes sen recursos e de retornados. Ademais, avogou por un “futuro de relacións produtivas en eidos como o agroalimentario, o das enerxías renovables ou o da innovación”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2023