O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 fará necesarios novos cortes de tráfico a partir deste mércores

Os cortes comezarán o mércores ás 10 horas nos ramais de entrada e saída do enlace do punto quilométrico 30 en sentido Vigo da autovía A-55, habilitándose itinerarios alternativos

As restricións de tráfico son necesarias para construír o novo ramal directo de conexión da autovía Tui-A Guarda coa estrada N-551 e o ramal de entrada sentido Vigo

Estas actuacións enmárcanse nas obras da autovía Tui-A Guarda, entre os enlaces da A-55 e Areas, cuxo grao de execución se atopa actualmente ao 79% e que supoñen un investimento autonómico de 30 M€
 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023

O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 fará necesarios novos cortes de tráfico a partir deste mércores.

Estes cortes, que comezarán ás 10 horas e rematarán previsiblemente en setembro, realizaranse nos ramais de entrada e saída do enlace do punto quilométrico 30 en sentido Vigo da autovía A-55. Para garantir a circulación do tráfico habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.

O peche da circulación é necesario para construír o novo ramal directo de conexión coa estrada N-551, así como o ramal de entrada sentido Vigo.

As obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, no que a Xunta inviste 30 M€, acadan un grao de execución do 79%.

Máis en concreto, os traballos de movemento de terras acadan o 85% de execución total; os recheos, o 88%; os firmes, o 55%; e as drenaxes, o 56%. Tamén se atopan avanzadas as estruturas, xa que a execución dos pasos superiores rolda o 95%; a dos inferiores xa acadou o 100%; e a dos muros achégase ao 75%.

Data de actualización: 19/06/2023