A Xunta adxudica por 1,7 M€ a execución das obras de mellora de 63 paradas de autobús nos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago, Teo e Vedra

Intervirase no ámbito das rutas de acceso á cidade de Santiago polo sur, nun total de 8 estradas autonómicas

Os traballos consistirán na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas, información en braille, o incremento da visibilidade e iluminación

Como resultado da información pública, incorpóranse modificacións en 7 paradas para a súa mellor integración na contorna e elimínanse 3, co obxectivo prioritario de mellorar a funcionalidade e diminuír a afección, en especial a accesos e aparcadoiros

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023 A Xunta adxudicou por 1.701.135 euros as obras de execución das actuacións para a mellora da accesibilidade e conectividade de 63 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas dos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vedra.

O contrato, adxudicado á empresa Construcciones Cernadas S.L., permitirá intervir no ámbito das rutas de acceso á cidade de Santiago polo sur, nun total de oito estradas autonómicas (AC-241, AC-242, AC-301, AC-307, AC-453, AC-543, AC-841 e AC-960).

As actuacións suporán un investimento autonómico de máis de 1,9 M€, tendo en conta o pagamento dos 52 predios necesarios para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación definitiva é de 2.183,71 m2.

Mediante este contrato que se vén de adxudicar intervirase na mellora de 2 paradas en Dodro; 2 en Padrón; 7 en Rois; 8 en Santiago; 34 en Teo; e 10 en Vedra.

En concreto, os traballos suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

No marco destas intervencións priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Máis en detalle, os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo arredor das paradas.

Ademais, as intervencións adxudicadas prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

Como resultado da información pública, no proxecto definitivo adoptáronse varios cambios co obxectivo prioritario de mellorar a funcionalidade e diminuír a afección, en especial, a accesos e a prazas de aparcadoiro.

Así, modificouse o deseño nun total de 7 paradas para adaptalas mellor á contorna. En concreto, estas modificacións inclúen variacións nunha parada en Urdilde; outra en Pontevea; nas de Cacheiras-Gardería e Cacheiras; nunha parada en Fontenla Campos; noutra no cruce de Sarandón; e na que se corresponde con Trobe 2.

Ademais, elimináronse do proxecto tres paradas: unha en Pontevea, outra en Samil e a terceira en Rois, dado que para súa mellora resultaba necesaria unha excesiva afección.

Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas de titularidade da Xunta.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

 

Data de actualización: 19/06/2023