A conselleira de Promoción do Emprego entrega os premios do certame ‘Cooperativismo no ensino’ ao alumnado CEIP de Domaio en Moaña

A titular de Emprego, Elena Rivo, destacou a implicación do centro na promoción da economía social como modelo que impulsa a sustentabilidade e o emprego de calidade

Moaña (Pontevedra), 19 de xuño de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, entregou hoxe ao CEIP de Domaio de Moaña, os catro recoñecementos que lle corresponderon no certame Cooperativismo no ensino 2023 co que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade busca difundir este modelo  entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial de Galicia.

Rivo salientou a implicación do centro moañés na promoción dos valores do cooperativismo a través das aulas e felicitouno polo recoñecemento recibido por catro propostas presentadas ao certame. O CEIP de Domaio resultou gañador da categoría de actividades artísticas dirixida ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil polo seu traballo Todo funciona se cooperamos; na de 1º e 2º de Educación Primaria por Xogamos xuntos por un mundo cooperativo; e na de 5º e 6ºde Primaria á que presentou A cooperación une xeracións. O alumnado moañés foi recoñecido ademais cun accésit entre as propostas presentadas ao certame por rapazas e rapaces de modalidade vai destinada ao alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria Cooperar ao son das ondas.

A Xunta, tal e como destacou a conselleira, mantén un firme compromiso coa economía social en xeral, e co cooperativismo como unha das súas fórmulas, por representar valores que repercuten de xeito directo na creación de emprego de calidade, o compromiso coa sustentabilidade e coas contornas. Certames como Cooperativismo no Ensino pretenden dar a coñecer desde idades temperás os beneficios desta fórmula como mecanismo para emprender e xerar riqueza en Galicia, indicou.

Ademais do centro de Moaña resultaron recoñecidos na presente convocatoria da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade traballos do IES Valadares de Vigo, do CPR Plurilingüe Luis Vives de Ourense, do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián en Tomiño, do CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros, do IES A Guía de Vigo, e da sociedade cooperativa galega Mendiño de Vigo.

A entrega destes galardóns é unha das actividades que a Xunta de Galicia promove nas vésperas da conmemoración do Día Mundial do Cooperativismo Galego que este ano se celebra o próximo 1 de xullo nas instalacións da cooperativa Agroflor, en Narón. Dentro desta programación tamén se están a celebrar os Venres Cooperativos, visitas abertas a entidades da economía social, organizadas desde a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e abertas á cidadanía, para dar coñecer este modelo á sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2023