A recta final das obras do enlace da Vía Ártabra coa N-VI en Iñás fará necesario un desvío de tráfico de acceso durante o mércores e o xoves

O corte da circulación é necesario para acometer a reforma dos ramais de acceso e saída da Vía Ártabra, o que precisa de movemento de terras

Durante os traballos estará habilitado un desvío alternativo para acceder á Vía Ártabra, restablecéndose a circulación o venres día 23 de xuño

Desde o pasado xoves está en marcha o asfaltado na marxe dereita do nó tronco da N-6 e nos ramais

O obxectivo da Xunta é poñer en servizo o enlace completo o venres 14 de xullo, sempre que a meteoroloxía o permita

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023 A recta final das obras do enlace da Vía Ártabra coa N-VI en Iñás, no concello de Oleiros, fará necesario o desvío do tráfico no ramal de acceso durante este mércores día 21 de xuño e o xoves día 22.

O desvío é necesario para acometer a reforma dos ramais de acceso e saída da Vía Ártabra nese punto, uns traballos que precisan de movemento de terras. Por ese motivo será necesario cortar o acceso á Vía Ártabra durante dúas xornadas, restablecéndose a circulación o venres 23 de xuño. Para minimizar no posible a afección ao tráfico habilítase o correspondente desvío, debidamente sinalizado.

Desde este pasado xoves están en execución os traballos de estendido das primeiras capas do asfaltado do tronco na calzada dereita da estrada N-6, así como nos ramais de acceso dese mesmo lado.

Ademais destas actuacións, e en paralelo, desde o martes, día 20 de xuño, darase comezo á execución da barreira da calzada dereita da N-6, o que se prolongará ata o mércores 28 de xuño.

Seguindo coa programación dos traballos, unha vez completado o asfaltado dos ramais, será necesario executar neles as cunetas, o formigonado de bermas e a pintura definitiva. A previsión é desenvolver esta parte dos traballos na vindeira semana do 26 de xuño.

A última fase para o remate das obras, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, fará posible derivar o tráfico que circula pola N-6, a través dos ramais definitivos, para dese modo poder abordar os traballos de estendido da rodadura no tronco da vía.

Finalmente será preciso executar as xuntas do taboleiro do viaduto e a pintura definitiva do tronco da N-6. Estes traballos comezarán, se o tempo o permite, o 10 de xullo e o obxectivo é poñer en servizo o enlace completo o venres 14 de xullo, á falta de remates de sinalización.

A configuración final do enlace será tal e como estaba proxectada: cun nivel superior para a N-6 con 4 carrís de circulación, un nivel intermedio con forma de glorieta e un nivel inferior para darlle continuidade á Vía Ártabra, que quedará preparado para a súa prolongación futura cara a AP-9.

Data de actualización: 19/06/2023