A Xunta imparte un curso para a formación de asesores sobre a mellora xenética animal

Esta iniciativa enmárcase dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, para a formación de asesores co fin de ofrecer unha mellor atención á cidadanía

Este módulo sobre mellora xenética impártese durante tres sesións no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e empregarase o rabaño do centro para as sesións prácticas

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou durante a xornada inaugural na charla de inseminación artificial en bovinos

 Abegondo (A Coruña), 19 de xuño de 2023

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria – dependente da Consellería do Medio Rural- organiza un curso de formación de asesores especializado na mellora xenética animal. O módulo, que se celebra no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CiAM), no concello coruñés de Abegondo, remata hoxe coa participación de máis de 30 asesores.

O director da Axencia, José Luis Cabarcos, participou na charla sobre inseminación artificial en bovinos. Ao longo das tres xornadas do curso, falouse da cualificación morfolóxica ou do control leiteiro como fonte de datos nos programas de avaliación xenética, da avaliación xenómica ou das tendencias e desafíos na transferencia de embrións para a mellora xenética.

Este curso de formación é parte dun dos módulos formativos que imparte a Consellería do Medio Rural aos seus asesores sobre explotacións de vacún. Compleméntase a oferta formativa con outros itinerarios modulares en materias como os cultivos en intensivo e extensivo, a fruticultura, o cultivo de cogomelos ou apicultura, entre outros. O fin destas formacións é que os técnicos da Consellería poidan ofrecer unha mellor atención á cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2023