A Xunta inicia mañá obras de rehabilitación do firme na autovía Dozón-Ourense, cun investimento de preto de 425.000 euros

Repararanse os danos superficiais na capa de rodaxe no treito de 13 km da AG-53 desde Cea ata a A-52

Tamén se renovará o firme na calzada dereita á altura do quilómetro 59,9 no tramo Dozón-Cea

Os traballos terán unha duración estimada de entre 2 e 3 semanas e requirirán a realización de cortes de carril cunha lonxitude máxima de 3 quilómetros para minimizar a afección ao tráfico

As actuacións abarcarán unha superficie aproximada de 12.000 m², cun volume de pavimento retirado e reposto de aproximadamente 2.700 toneladas

Estes traballos terán continuidade coa renovación extraordinaria do firme xa programada para o vindeiro ano na AG-53 no tramo enlace de Cea e a A-52

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezará este martes a execución das obras de rehabilitación do firme na autovía AG-53, Dozón-Ourense, ás que destinará un investimento de 423.500 euros.

As actuacións forman parte da campaña de conservación da Xunta de reforzo localizado do firme e desenvolveranse en ambas as dúas calzadas do treito de preto de 13 quilómetros de lonxitude da AG-53, desde Cea e ata a A-52, entre os quilómetros 74,2 e 87, que presentan danos superficiais na capa de rodaxe  existente.

Nesta mesma intervención tamén se inclúe unha actuación puntual de renovación do firme na calzada dereita do tramo Dozón-Cea, á altura do quilómetro 59,9.

Os traballos de acondicionamento de firme, que se estima terán unha duración de entre 2 e 3 semanas, requirirá a realización de cortes de carril, con lonxitudes máximas de 3 quilómetros, para minimizar a afectación ao tráfico.

En concreto, as actuacións consistirán no fresado e reparación da capa de rodaxe e, nalgúns casos, tamén se intervirá na capa intermedia do pavimento existente. Estas actuación abarcarán unha superficie aproximada de 12.000 m2, cun volume de pavimento retirado e reposto de aproximadamente 2.700 toneladas.

Estes traballos terán continuidade coa renovación extraordinaria do firme xa programada para o vindeiro ano na AG-53 no tramo dese o enlace de Cea e a A-52.

Data de actualización: 19/06/2023