A Xunta é premiada coa medalla da Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos ao mérito en alimentación animal polo seu labor neste eido

En concreto, o veterinario da Consellería do Medio Rural Juan Gómez Apesteguía foi galardoado polo seu labor a prol da seguridade alimentaria e velando pola calidade dos produtos de alimentación para animais

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023

A Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac) vén de recoñecer o traballo da Xunta a prol da seguridade alimentaria en xeral e da alimentación animal en particular, dentro da categoría de “funcionarios de administracións autonómicas”.

Así, o veterinario da Consellería do Medio Rural Juan Gómez Apesteguía recibe esta medalla co fin de  recoñecer o labor desenvolto dende o Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería, ao que está vinculado desde a súa creación, en prol da seguridade alimentaria.

A execución dos programas de control oficial no sector da  alimentación animal realizada por estes departamentos garante en última instancia a todo o sector, produtores de pensos e criadores de animais, que todos os operadores cumpran coas súas obrigas normativas de calidade e seguridade alimentaria. isto posibilita a existencia dun mercado de pensos e dun mercado de produtos de orixe animal transparentes, sans e seguros.

Estas condecoracións ao mérito en alimentación animal naceron no ano 2007 para recoñecer o labor de persoas e institucións, en apoio e mellora da industria e da gandería. Existen cinco categorías ordinarias desta medalla, que recoñecen respectivamente o traballo de funcionarios das administracións autonómicas, funcionarios das administracións nacionais e europeas, medios de comunicación ou investigadores, entre outros.

Data de actualización: 19/06/2023