A Xunta reafirma a súa aposta pola transferencia de coñecementos ao agro no marco das políticas europeas

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou no seminario europeo de Coñecemento Agrario e Sistemas de Innovación (AKIS) que se celebrou en Lituania

Durante o encontro intercambiáronse coñecementos e experiencias para mellorar a competitividade do sector primario

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2023 A Xunta reafirmou a súa aposta pola transferencia de coñecementos ao agro e pola implementación do I+D+I nos sectores primarios no seminario europeo de Coñecementos Agrarios e Sistemas de Innovación (AKIS) que se celebrou esta semana en Lituania.

Unha delegación de técnicos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria -adscrita á Consellería do Medio Rural-, encabezada polo xefe da Área de formación, innovación e investigación agraria, Manuel López Luaces, participou neste evento xunto a investigadores, asesores, agricultores e entidades pertencentes ao sector agrario que expuxeron as súas experiencias co obxectivo de impulsar o desenvolvemento e a mellora da competitividade do agro.

O seminario potenciou o intercambio de coñecementos entre os diferentes actores do sector para buscar melloras enfocadas na innovación e que permitan acadar os obxectivos marcados na nova Política Agraria Común (PAC). Así, este encontro asegura un alto fluxo de información entre os diferentes asesores, para chegar a novos roles tanto na dimensión económica como no plano social e ambiental.

Os técnicos da devandita Axencia constataron neste encontro de Lituania os avances rexistrados a nivel europeo en materia de transferencia de coñecementos e de I+D+i dentro do eido agrario. Nesta liña, destacan a mellora nos plans estratéxicos de desenvolvemento e competitividade do sector, que se enmarcan nas políticas comunitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2023