As obras de renovación do firme no tronco da AG-56 e no enlace de Bertamiráns-leste farán necesarios cortes na calzada dereita en dirección Brión esta vindeira semana

Estes traballos acometeranse entre o luns 19 e o venres 23 de xuño, polo que o tráfico será transferido á calzada oposta, en correspondencia coa zona de obras, como vía de dobre sentido

As obras, centradas na rehabilitación do firme e na reposición da sinalización, supoñen un investimento de case 5,9 M€, asumido dentro do contrato de concesión da autovía

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023 As obras de renovación do firme no tronco da autovía Santiago-Brión, AG-56, e no enlace de Bertamiráns-leste, no punto quilométrico 5, farán necesarios cortar diversos tramos en dirección Brión ao longo da vindeira semana.

Estes traballos acometeranse entre o luns 19 e o venres 23 de xuño, para o que será necesario ir cortando treitos da calzada dereita en dirección Brión, de xeito que a circulación será transferida á calzada oposta, en correspondencia coa zona de obras, como vía de dobre sentido, cun carril para cada un deles.

Seguindo a programación da obra, os traballos comezarán ás 10,30 horas do luns 19 e  prolongaranse ata as 08,30 do mércores 21 no tramo da autovía comprendido entre o quilómetro 0+200 e o 3+800. Puntualmente afectaranse as entradas e saídas nos enlaces de Santiago e Pardiñas.

O mércores día 21 ás 08,30 e ata ás 08,30 horas do xoves 22 as tarefas continuarán entre os quilómetros 1+500 e 5. Neste caso, en momentos concretos afectaranse as entradas e saídas no enlace de Pardiñas.

A última parte destes traballos desenvolveranse ao longo da xornada do venres día 23 de xuño, das 08,30 ás 20,30 horas, desde o quilómetro 5 ao 8+500. Tamén aquí e de xeito puntual, afectaranse as entradas e saídas nos enlaces de Bertamiráns-leste e Bertamiráns-norte.

No marco das obras de reforzo tamén se realizarán traballos que afectarán ao enlace de Bertamiráns-leste. Neste caso os traballos realizaranse entre o luns 19 e o mércores 21 e será preciso o corte dun carril entre o quilómetro 0 e 0+200 entre as 08,30 e as 10,30  horas. 

Rehabilitación do firme

Estas tarefas forman parte da renovación do firme na autovía Santiago-Brión, AG-56, e na vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas que se está a levar a cabo nas últimas semanas cun investimento de case 5,9 M€, asumido dentro do contrato de concesión da autovía.  

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 4 meses, céntranse no acondicionamento do firme de puntos ou zonas singulares onde existe un deterioro acentuado, mediante o fresado de 5 cm de capa de rodaxe e a reposición de 5 cm con mestura intermedia. 

As obras tamén inclúen o selado de fisuras transversais e o estendido de nova capa de rodaxe no tronco, ramais e enlaces.

As actuacións complementaranse coa posterior reposición da sinalización horizontal e vertical.

Data de actualización: 16/06/2023