A Xunta constitúe o xurado dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia de 2023

Hai 78 propostas nas categorías de arquitectura, rehabilitación e sustentabilidade

Por primeira vez o galardón especial á traxectoria profesional recoñecerá o labor de dúas persoas: un arquitecto superior e un arquitecto técnico ou aparellador

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2023

O xurado dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2023, convocados o pasado mes de xaneiro polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, mantivo esta semana a súa reunión constitutiva, unha xuntanza durante a cal os seus membros tiveron ocasión de coñecer todas as propostas presentadas a cada unha das categorías existentes.

No marco da cuarta edición destes premios, cómpre subliñar que se recibiron un total de 78 candidaturas. En concreto, na categoría de arquitectura son 30 as propostas presentadas, mentres que na de rehabilitación o número ascende ata 42 e para o premio especial á sustentabilidade recibíronse 6 propostas.

Os membros do xurado tamén debateron sobre o premio especial á traxectoria profesional, que este ano se concederá por primeira vez a 2 persoas, xa que serán recoñecidos un arquitecto superior e un aparellador ou arquitecto técnico.

O xurado desta nova edición, que volverá reunirse o 30 de xuño para seguir coas súas deliberacións, está formado por representantes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario; Escola Técnica Superior de Arquitectura e Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña; Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; Federación Galega da Construción; e Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia.

Os galardóns están dotados con 6.000 euros en cada categoría. Na edición do ano 2020, a última, foron premiados Manuel Gallego Jorreto (traxectoria profesional), a escola infantil da Veigadaña (arquitectura), a reforma dun edificio existente en Vigo para 8 vivendas, edificio e aparcamento (sustentabilidade) mentres o premio de rehabilitación foi concedido ex aequo a tres proxectos: a reconstrución dunha vivenda afectada pola vaga de lumes en Saa, a rehabilitación dunha vivenda no Casco Vello de Vigo e a intervención en adega e área enoturística (Pazo de Toubes). Pódese consultar máis información sobre os premiados nas edicións anteriores na páxina web dos premios.

Data de actualización: 17/06/2023