A Xunta pon en valor a súa oferta formativa para o rural galego cunha xornada de portas abertas no centro de Sergude

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta tarde na iniciativa, centrada especialmente na difusión e promoción do ciclo de grao medio de Produción Agroecolóxica, un dos que se imparte nestas instalacións
 

Este ano a Consellería do Medio Rural incrementará o número de prazas para o curso académico 2023-2024 ata alcanzar as 328
 

Neste novo curso ofertaranse tres novos ciclos na modalidade dual para fomentar a colaboración co sector e mellorar o carácter práctico destas formacións
 

Boqueixón (A Coruña), 16 de xuño de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta tarde na xornada de portas abertas no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón. Esta iniciativa serviu para poñer en valor o ciclo de grao medio de Produción Agroecolóxica que se imparte neste centro e, en xeral, a oferta formativa para o rural galego que xestiona a Xunta. 

Así, os seis CFEA que dependen da Axencia Galega da Calidade Alimentaria -adscrita á Consellería o Medio Rural- ofertarán no curso académico 2023-2024 un total de 328 novas prazas, que supoñen un incremento de preto do 9% con respecto ao curso anterior e de máis do 17% en relación co curso 2021-2022. Trátase dos centros Pedro Murias de Ribadeo, Guísamo, Lourizán, Monforte de Lemos, Sergude e Becerreá.

Ademais, tendo en conta a alta demanda do sector á hora de atopar profesionais cualificados, Medio Rural incorporará para o próximo curso tres novos ciclos de formación dual que buscan potenciar o carácter práctico da formación e a relación co sector. Son o ciclo medio en Xardinaría e Floraría, no CFEA de Guísamo, o ciclo medio de Produción Agroecolóxica, no Pedro Murias de Ribadeo, e o ciclo superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, no de Sergude.
 

No caso concreto de Sergude, ofértanse un total de 99 prazas das que 22 son no grao superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal -o máis demandado e exclusivo deste centro- polo que se engaden outras 22 adicionais, pero por formación dual. Outras 20 prazas ofértanse no grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural, ambas en réxime ordinario presencial. Haberá 20 prazas máis no grao medio de Produción Agropecuaria (tamén ordinario presencial) e 15 máis no grao medio en Produción Agroecolóxica (réxime modular de persoas adultas na modalidade presencial). 

Así mesmo, para dar resposta as esixencias do sector, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén ofrece para o próximo curso académico un total de cinco cursos de formación online para obter títulos habilitantes. Trátase dos de benestar animal nas explotacións; benestar animal no transporte de animais vivos; formación para persoal que traballe con gando porcino; formación para persoal que traballe con gando avícola e formación para persoal que traballe con gando bovino. Estes dous últimos son novos este ano. 

Ruta de sendeirismo

Con motivo desta xornada de portas abertas, o alumnado e o profesorado do centro organizou unha visita guiada -a modo de ruta de sendeirismo- por unha parte das 100 hectáreas do seu recinto. Así, estudantes e profesores fixeron de guías para os participantes, que visitaron as distintas instalacións das granxas de vacún, porcino, ovino, cabrún, o galiñeiro, o centro hípico e os cabalos de monte, os apiarios, a horta, os invernadoiros e as parcelas de cultivo forraxeiro. Tamén coñeceron os aularios, os laboratorios, a residencia e as zonas de uso común. A xornada rematou cunha merenda campestre, amenizada coa música do grupo dunha alumna do propio centro.

 
Data de actualización: 16/06/2023