O Plan Corresponsables da Xunta promoverá conciliación e deporte un ano máis cun orzamento de 2,8 M€

O devandito plan promove, por segundo ano consecutivo, a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos menores ao cargo, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación socio deportivas para nenos e nenas de ata 16 anos de idade

Santiago, 16 de xuño de 2023 O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Orde do 6 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 por importe de preto de 2,8 millóns de euros (2.773.095 euros). As entidades que se adhiran ao programa poderán afrontar o desenvolvemento do programa co pagamento anticipado de ata o 80%. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e o prazo de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Este plan é froito da colaboración entre a Consellería de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Cómpre salientar que o Plan Corresponsables 2022, contou cun orzamento de 2,5 millóns de euros (2.539.356 euros), polo que o orzamento de 2023 supón un incremento de preto do 10% no seu financiamento.

O devandito plan promove, por segundo ano consecutivo, a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos menores ao cargo, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación socio deportivas para nenos e nenas de ata 16 anos de idade, ao tempo que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova, achegándolle distintas modalidades e favorecendo así a convivencia e o xogo en equipo desde as idades máis temperás. Deste xeito acádase unha notable mellora na vida cotiá das familias equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal. Estas actividades levaranse a cabo a través dos distintos programas deportivos das federacións deportivas galegas na anualidade 2023, para mellorar a vida cotiá das familias equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.

En 2022 participaron un total de 18 federacións deportivas de Galicia -baloncesto, balonmán, bolos, boxeo, esgrima, fútbol, halterofilia, hóckey, loita, montañismo, piragüismo, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, triatlón e pentatlón moderno e vela- leváronse a cabo, entre xuño e novembro, un total de 2.529 actividades das distintas modalidades deportivas en 175 concellos. Participaron 17.760 nenos e nenas, e o desenvolvemento do plan posibilitou a articulación, a tempo parcial, de 919 contratos de monitores ou monitoras, sendo 364 as persoas contratadas. Isto supuxo, unha superación sen precedentes das expectativas iniciais que supuxo un aumento do 120% en participantes e do 400% en actividades.

Ademais, tras o éxito colleitado, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, asinou a principios de 2023 un convenio coas tres universidades galegas -Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVIGO)-, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables cun orzamento duns 585.000 euros, sendo achegados pola Xunta 547.800.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2023