A Xunta avanza no impulso do Novo CHUAC coa aprobación do proxecto de demolición do Hotel de Doentes, que suporá un investimento de 1,4 M€
O proxecto de demolición licitarase nas vindeiras semanas e ten como obxectivo o derribo do actual edificio que conta de 7.691 m2 divididos en 10 plantas
Esta intervención, cun prazo de 7 meses, é necesaria para habilitar o espazo para a execución do novo anel perimetral do sistema viario que bordeará o complexo hospitalario
As obras realizaranse tendo en conta as vías de acceso e están planificadas para non interromper o funcionamento do complexo sanitario e minimizar a xeración de pó e ruído
Nunha primeira fase demolerase o volume do salón de actos e unha parte do bloque administrativo; e nunha segunda, o bloque alongado e as demais zonas administrativas
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2023 A Xunta avanza no impulso do Novo Chuac coa aprobación do proxecto de demolición do actual Hotel de Doentes, que se licitará nas vindeiras semanas e suporá un investimento de 1,4 M€.
O proxecto, cun prazo de execución de 7 meses, foi realizado pola UTE Pinearq-Vázquez Muiño-Monteoliva, e contempla a demolición do actual edificio que conta de 7.691 m2 construídos divididos en 10 plantas, 8 delas sobre rasante e dúas baixo rasante.
Esta intervención é necesaria para habilitar o espazo preciso para a execución do novo anel perimetral do sistema viario que bordeará o Novo CHUAC.
As obras realizaranse tendo en conta as vías de acceso e están planificadas para non interromper o funcionamento do complexo e minimizar a xeración de pó e ruído.
A demolición levarase a cabo do xeito máis eficiente e sostible, optando por un criterio de derriba elemento a elemento. Así, os traballos seguirán a orde inversa á que corresponde cunha obra nova, procedendo desde arriba cara a abaixo e procurando que a derruba se realice ao mesmo nivel.
A demolición executarase en dúas etapas, derrubando na primeira o volume correspondente ao salón de actos e unha parte do bloque administrativo, composta de 3 plantas, para dispoñer dunha zona máis ampla para a manobra da maquinaria e a realización dos traballos. Na segunda fase acometerase a derriba do resto dos bloques, o chamado bloque alongado e o resto das dependencias administrativas.
Para a execución de cada unha das etapas seguirase un plan de 5 fases empezando pola de desamiantado. Unha segunda fase corresponderá á demolición interior para minimizar as afeccións, xa que se realizará conservando todo o cerramento exterior da fachada. A terceira fase será a demolición exterior, á que lle seguirá a estrutura, e a última consistirá na formación dunha plataforma realizada con produtos procedentes da demolición e posterior acabado mediante pavimento asfáltico, realizando un estendido de terra vexetal sobre os taludes para adecuar a área afectada polos traballos.
Hospital de vangarda
O Novo CHUAC é un proxecto estratéxico e prioritario xa en marcha no que están a traballar, conxuntamente, as Consellerías de Sanidade e de Infraestruturas, cun investimento de máis de 500 M€ para blindar a atención sanitaria da área da Coruña e Cee nas vindeiras décadas, para dar atención a máis de 550.000 pacientes.
Para iso multiplicarase por tres a superficie actual do hospital, pasando dos 85.000 m² actuais a unha superficie construída de case 257.000 m² .
A Xunta continúa avanzando para dotar a área da Coruña dun hospital de vangarda, polo que na actualidade se están a impulsaer, tanto as obras de demolición do actual Hotel de Doentes, como a construción da Torre Polivalente, a primeira edificación icónica do Novo CHUAC que, en ambos os casos se licitarán nas próximas semanas.
A Xunta tamén licitará este mes o contrato de concurso e obra dos accesos, que suporán un investimento estimado en máis de 25 M€.