A Xunta recoñece o labor das mulleres na economía social na clausura do programa formativo Medrando Xuntas que contou este ano con 50 participantes

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, tomou parte no VI Foro participativo ‘Medrando Xuntas’ celebrado na bodega Paco e Lola de Meaño

Un total de 50 mulleres participaron este ano no programa formativo autonómico que hoxe conclúe para mellorar as súas habilidades directivas e competencias persoais

Meaño (Pontevedra), 16 de xuño de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, tomou parte hoxe no VI Foro participativo Medrando Xuntas-celebrado nas dependencias da bodega Paco e Lola de Meaño- que pon o colofón a este programa co que a Xunta potencia o liderado feminino na economía social e que contou coa participación de 50 mulleres na súa actual edición.

Rivo puxo en valor as historias de vida e emprendemento das mulleres participantes, por contribuír a xerar este espazo de conexión, no que cada aportación suma e enriquece a rede que entre todas estamos tecendo a prol da economía social.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade lembrou os beneficios deste modelo de negocio, por situar ás persoas no centro e por ofrecer grandes oportunidades para o desenvolvemento persoal e profesional das traballadoras e traballadores.

O Goberno Galego aposta por fortalecer a economía social como forza clave do mercado laboral, que prioriza os beneficios sociais e os intereses colectivos, atalla as desigualdades, e contribúe a xerar emprego de calidade, máis igualitario e sustentable.

O programa Medrando Xuntas está deseñado para potenciar o talento feminino nas entidades de economía social, contribuíndo a difundir os beneficios destas fórmulas no tecido socioeconómico galego.

A iniciativa conta con cadanseus itinerarios: un primeiro, concibido para directivas de entidades e, un segundo, para socias e traballadoras. Ambos os dous presentan unha estrutura de contidos semellante, onde se traballan tanto habilidades de xestión como as competencias persoais.

Unha das prioridades da Xunta con esta iniciativa consiste en poñer en marcha actuacións para potenciar o papel das traballadoras no mercado laboral. Por outro lado, preténdese dar difusión á economía social como modelo en auxe que contribúe a crear emprego de calidade, máis igualitario, sustentable e vencellado co territorio.

Nas súas sete edicións, incluída a que hoxe remata, as alumnas da formación Medrando Xuntas ascenderon 340 profesionais.

A economía social en Galicia é un modelo de negocio conformado por preto de 14.000 persoas traballadoras que forman parte das máis de 3.000 entidades que operan neste segmento da economía. A súa contribución supera o 7% do PIB de Galicia e se traduce un impacto económico anual duns 850 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2023