A Xunta participa nun foro promovido por consumidores que analiza a arbitraxe e o impacto das vivendas turísticas en Galicia e Portugal

Sober (Lugo), 15 de xuño de 2023 O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Sober na clausura do II Foro de Turismo Transfronteirizo, promovido pola Unión de Consumidores de Galicia en colaboración coa principal organización de persoas consumidoras de Portugal, DECO, e o apoio da Axencia de Turismo da Administración autonómica. A xornada reúne a profesionais de diferentes ámbitos institucionais, do sector da hostalería e o turismo, da comunicación e de asociacións de consumidores para ofrecer a súa visión sobre a arbitraxe na resolución de litixios e o impacto das vivendas de uso turístico en Galicia e Portugal.

En canto ao auxe destas últimas, Arias lembrou que Galicia conta cun decreto “nacido do consenso” para regular os apartamentos e vivendas turísticas, que busca “garantir maior seguridade xurídica tanto aos usuarios como aos propietarios deste tipo de establecementos, evitando entre outras cousas a competencia desleal”. Porén, apuntou que esta cuestión “debe ser enfocada a nivel estatal cunha normativa que harmonice a regulación deste tipo de aloxamentos”.

No tocante ao outro eixo das xornadas, relacionado coa arbitraxe, indicou que na actualidade hai 1.622 empresas turísticas adheridas de forma voluntaria ao Sistema de Arbitraxe en Galicia -bares, restaurantes, hoteis, casas rurais, balnearios e cámpings-, o que permite que a solución de conflitos coas persoas usuarias ou consumidoras se realice a través dun sistema extraxudicial, gratuíto e de obrigado cumprimento para as partes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2023