Constituído o Posto de Mando Avanzado que coordinará o dispositivo de seguridade de máis de 500 efectivos diarios durante o festival O Son do Camiño

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe o Posto de Mando Avanzado habilitado no Monte do Gozo para garantir a seguridade das 120.000 persoas que se prevé que asistan aos concertos desde hoxe ata o sábado

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe o Posto de Mando Avanzado (PMA) habilitado no Monte do Gozo desde o que se visualizará todo o recinto e accesos ao mesmo e se coordinará o dispositivo de seguridade previsto nos tres días de celebración do festival O Son do Camiño.

Desde hoxe ata o sábado 164 axentes das forzas e corpos de seguridade -entre eles unha trintena de membros da Policía Autonómica, xunto con Policía Nacional, Garda Civil de tráfico e Policía Local de Santiago- traballarán cada día neste evento de relevancia internacional, ademais de medio cento de voluntarios de Protección Civil, bombeiros de Santiago, servizos sanitarios, medios da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e persoal de seguridade privada. En total, máis de 500 efectivos.

Responsables de todos estes servizos integraranse no Posto de Mando Avanzado para coordinar os fluxos de entrada e o cumprimento das medidas seguridade no interior e exterior do evento co obxectivo de previr aglomeracións e actuar ante emerxencias sanitarias ou doutra índole que se poidan producir.

Santiago Villanueva puxo en valor a importancia da coordinación entre todos os medios despregados que forman parte dos operativos habituais de eventos deste tipo. Deste xeito, preténdese que o dispositivo se desenvolva con todas as garantías tanto no propio evento como na incidencia que ten na cidade de Santiago de Compostela ante o fluxo de persoas e vehículos que se vai producir.

A cuarta edición de O Son do Camiño reunirá desde esta tarde ata o sábado máis de 40 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel e coa previsión da asistencia durante as tres xornadas de 120.000 persoas procedentes duns 35 países. 

O festival, ao igual que o ano pasado, recuperou o seu gran formato con varios escenarios nos que actuarán Vetusta Mora, The Kooks, Xoel López, Leiva, Viva Suecia, Marlon, Duki, Ginebras, Bizarrap, Aitana ou Maluma, entre outros. Este evento xa se converteu nunha cita ineludible e nun sinal de identidade dos festivais en Galicia.  Polo tanto, volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais e turísticos ás portas da época estival.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2023