A Xunta destina máis de 290.000 € á contratación de 81 persoas sen emprego de 52 concellos da provincia de Ourense para labores de vixilancia e seguridade en praias e outros espazos naturais ou en instalacións acuáticas

Poderán ser beneficiarios deste programa, os concellos e as mancomunidades de concellos, os consorcios locais e as entidades locais menores

Ourense, 15 de xuño de 2023 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá que o Goberno galego destina máis de 290.000 euros á contratación de 81 persoas sen emprego de 52 concellos da provincia de Ourense para desenvolver durante a campaña de verán labores de vixilancia e seguridade en praias e outros espazos naturais ou en instalacións acuáticas.

“O obxectivo da actuación -manifestou o delegado territorial- é proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo”. Na totalidade de Galicia, estas axudas permitirán dar emprego nuns 180 concellos a 500 persoas sen emprego.

Gabriel Alén explicou que poderán ser beneficiarios deste programa, os concellos e as mancomunidades de concellos, os consorcios locais e as entidades locais menores, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos. A contía que percibirán as entidades beneficiarias irá destinada a sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, cos importes máximos recollidos na convocatoria de axudas.

Os traballadores e traballadoras a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

O delegado territorial subliñou que este tipo de iniciativas forman parte da prioridade da Xunta de incrementar as oportunidades laborais das galegas e galegos, sobre todo, daqueles que teñen máis dificultades para acceder ao mercado laboral.

Data de actualización: 15/06/2023