A Xunta e a patronal dos serradoiros de Galicia premian o labor das escolas que poñen en valor a madeira como recurso sustentable fronte ao cambio climático

O director da Axencia Galega de Industria Forestal participou na entrega de premios do concurso “Que contas?” organizado pola Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga)

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe na entrega de premios do certame escolar “Que contas?” que organiza a Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga). O concurso busca que os escolares entendan o uso da madeira como un recurso sustentable fronte aos materiais fósiles na loita contra o cambio climático.

Este certame ten como obxectivo que os nenos recreen a versión do conto tradicional Os tres porquiños e poñan en valor a madeira como un material bioeconómico e sustentable fronte a outros de orixe fósil nas súas historias. Así, preténdese que dende a infancia os rapaces aprendan os usos deste recurso natural e todas as súas posibilidades fronte a outros materiais.

A Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, colabora con esta iniciativa ao considerar que enxalza o valor da madeira como un recurso natural propio e sustentable na loita contra o cambio climático. Así mesmo, neste acto, Jacobo Aboal destacou o bo facer dos rapaces e a calidade de todos os traballos presentados.

Os centros gañadores foron o EEI Monte do Alba (Vigo), CPR Padre Feijóo Zorelle (Ourense), CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo (Cee) e CEIP Lamas de Abade (Santiago), que recibiron como premios obxectos artesanais galegos elaborados en madeira: un expositor en forma de árbore e unha prensa artesanal para crear e conservar un herbario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2023