Galicia difunde a súa literatura medieval en Xapón a través do libro Convite para as Cantigas de Santa María

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación deste volume da autoría do profesor Takekazu Asaka, profesor emérito da Universidade Tsudajuku de Toquio

Agradécelle “o seu labor como divulgador da lingua e da literatura galega entre o público nipón” a través desta obra que recompila sete cantigas de Alfonso X O Sabio

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do volume Convite para as Cantigas de Santa María, elaborado por Takekazu Asaka, profesor emérito da Universidade Tsudajuku de Toquio, co apoio da Xunta. O libro, presentado en edición bilingüe galego e xaponés, recompila sete cantigas de Santa María e analiza as composicións realizadas baixo a dirección de Afonso X O Sabio co fin de achegarllas ao público nipón.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades agradeceulle ao profesor Takekazu Asaka “o seu labor como divulgador da lingua e da literatura galega no Xapón, ao que lle leva dedicado moitos esforzos e do que esta publicación é só a última e moi coidada mostra”.

Canda Valentín García tamén participaron neste acto, que tivo lugar no Pazo de San Roque, Henrique Monteagudo, membro da Real Academia Galega e autor do prólogo do volume; Armando Requeixo, crítico literario, e o propio Takekazu Asaka.

Difusión da literatura medieval en Xapón

Convite para as Cantigas de Santa María compila un conxunto de dez ensaios arredor das Cantigas de Santa María, onde se analizan cuestións como a súa historia codicolóxica, o seu contido, as miniaturas que o iluminan, a súa música ou a súa lingua, entre outros. A maior parte destes ensaios débense ao propio Asaka, mais tamén se integran outros artigos dos estudosos Hitomi Asano, Yuri Sugüimoto e Shinya Agario.

Aos ensaios sinalados súmase a edición bilingüe galego-xaponesa de sete Cantigas de Santa María, que se completan cun amplo glosario que explica, en lingua nipoa, moito léxico característico destas composicións galego-portuguesas medievais.

O volume, que se publica baixo o selo Güinga Xobou (que en tradución ao galego quere dicir Vía Láctea), foi editado en Toquio esta primavera e leva como ilustración de cuberta un deseño do artista Xosé Vizoso. Ademais, vén acompañado dun CD coas sete cantigas traducidas que son interpretadas musicalmente polo Ensemble TrouBour, grupo de cámara xaponés.

Esta obra súmase a outros traballos realizados anteriormente polo profesor Asaka, especialmente á súa Introdución ás Cantigas de Santa María (2022), que a presente obra aumenta e mellora.

Embaixador da cultura e lingua galegas

Takekazu Asaka (Toquio, 1952) foi durante case catro décadas profesor de Filoloxía Románica na Universidade Tsudajuku de Toquio, a raíz do cal tomou contacto coa cultura, a lingua e a literatura galegas, doutorándose en 1985 cunha tese de lingüística comparada onde o galego foi un dos idiomas analizados.

Desde aquela ata hoxe son moitos os traballos por el publicados onde pon en relación as culturas galega e nipoa, na maioría dos casos pioneiros. No ámbito filolóxico a el lle debemos a primeira Gramática do galego moderno (1993, corrixida e aumentada no 2016) en xaponés e o primeiro Vocabulario básico da lingua galega (1995).

No eido literario é o tradutor ao xaponés dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca (1993), dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro (2002, en edición revisada e musicada e 2009), e mais de Follas novas da mesma autora (2018), de Os eidos de Uxío Novoneyra (2017), de A rosa de cen follas de Ramón Cabanillas (2021) ou das cantigas do Xograr Martín Códax (2015), entre outros.

Este extraordinario labor como embaixador da cultura galega no Xapón valeulle o recoñecemento como membro correspondente da Real Academia Galega en 2017. É ademais ilustre cabaleiro da Orde da Vieira desde o 2018 e Premio Ramón Cabanillas en 2019, entre outras distincións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2023