A Xunta resolveu axudas por importe de 80.000 € para seis asociacións apícolas galegas no período estendido destas achegas entre agosto e decembro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas subvencións, no marco do Programa nacional apícola 2020-2022

Neste ano 2023 as axudas convocadas para o sector apícola sumarán un importe que rolda os 1,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade ás axudas á apicultura correspondentes ao período estendido destas achegas, que foi dende o 1 de agosto ata o 31 de decembro de 2022. Neste caso resultaron beneficiarias seis asociacións galegas do sector, por un importe conxunto de 80.000 euros.

A finalidade destas subvencións, que se enmarcan no Programa nacional apícola 2020-2022, é a asistencia aos apicultores, a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, a racionalización da transhumancia, o apoio aos laboratorios de análise, a repoboación da cabana apícola e o seguimento do mercado.

Os destinatarios destas axudas son persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas de titularidade compartida, como poden ser as cooperativas apícolas, as organizacións representativas, agrupacións de defensa ou as propias asociacións de apicultores.

Estas axudas súmanse ás tamén xa convocadas para 2023 por un importe de 1.323.229,98 euros, crédito do que se está tramitado unha ampliación presupostaria en base á repartición sectorial entre todas as comunidades autónomas de case 100.000 euros.

Deste xeito, as axudas ao sector apícola convocadas no ano 2023 no marco do Plan Nacional Apícola e a Intervención de apicultura terán un importe total de 1.492.990, 23 euros, o máis alto dos últimos anos.

 
Enlace á resolución no DOG:

Data de actualización: 15/06/2023