Galicia pecha o primeiro trimestre cunha ratio débeda/PIB do 17,7%

A ratio débeda/PIB de Galicia é tres décimas superior á do primeiro trimestre do ano 2022 debido a que a Xunta acelerou neste primeiros meses a execución do seu programa de endebedamento

Este incremento é transitorio e corrixirase nos vindeiros trimestres

O obxectivo é aproveitar a estabilidade que ofrecían os mercados financeiros nese período

A previsión é que a ratio débeda/PIB continúe a senda de descenso iniciada no 2021 e se sitúe por debaixo do 17% ao peche de 2023

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

Galicia pechou o primeiro trimestre do ano cunha ratio débeda/PIB do 17,7% segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes ao primeiro trimestre do ano publicados hoxe polo Banco de España.

Esta ratio é tres décimas superior á do primeiro trimestre do ano 2022 (17,4%), debido a que a Xunta acelerou nos primeiros meses do ano a execución do seu programa de endebedamento, e executou o 75% do importe de endebedamento autorizado, co obxectivo de aproveitar a estabilidade que ofrecían os mercados financeiros nese período. Este aumento é transitorio e corrixirase nos vindeiros meses.

As operacións de endebedamento formalizadas no primeiro trimestre tiveron por finalidade o refinanciamento dos vencementos ordinarios do exercicio polo que, ao final do ano, non suporán incremento do endebedamento neto.

A previsión é que de cara ao final do exercicio, a ratio débeda/PIB de Galicia continúe a senda de descenso iniciada en 2021 e se sitúe por debaixo do 17% ao peche de 2023.

Volume de débeda

Hai que lembrar que o Banco de España ratifica ademais que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.

Data de actualización: 15/06/2023