A Xunta apoia a sétima edición do Rompetiño Jump que confirma a decidida aposta galega polos deportes urbanos

Nestes últimos anos, o Goberno galego recoñeceu oficialmente o parkour, o BMX, ou o 3x3 de baloncesto; creou a Federación Galega de Baile Deportivo e impulsou a Liga Xunta de Galicia de Breaking, deporte que será olímpico en París 2024

O Rompetiño entra a formar parte por vez primeira de FEST Galicia, a marca que promove a nosa Comunidade como destino musical de calidade

Porto do Son (A Coruña), 14 de xuño de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron na presentación do festival Rompetiño Jump 2023 que chega a súa sétima edición exhibindo as manifestacións do máis novidoso do deporte urbano galego.

 

Neste sentido, Lete Lasa felicitou á organización e aos patrocinadores, a súa aposta “polo crecemento do deporte e da vida activa no país, a través destas disciplinas que traen aire fresco á nosa cultura e patrimonios deportivos, e que contan xa, algunhas delas, coa mesma consagración do escenario olímpico”.

 

Ao fío desta idea, o secretario xeral para o Deporte destacou o traballo da Xunta no contexto dos deportes urbanos enumerando actuacións como o recoñecemento oficial de especialidades como o parkour, o BMX, ou o 3x3 de baloncesto, a creación da Federación Galega de Baile Deportivo ou o impulso da Liga Xunta de Galicia de Breaking, “co obxectivo de contribuír ao traballo realizado dende os axentes deportivos nestas disciplinas, que tanto predicamento teñen entre os máis mozos”. 

 

O paso natural, dixo, diríxese cara “a súa maior xeneralización e profesionalización e é consecuencia directa da enorme popularidade que teñen entre a poboación xa que estas novas expresións de deportistas masculinos e femininos contan cun potente enfoque na xuventude, na igualdade e na creatividade”.  

 

Na presentación interveu tamén Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta, quen explicou que o Rompetiño entra a formar parte por vez primeira de FEST Galicia, a marca que chega este ano á súa sexta edición co obxectivo de seguir a promover a nosa Comunidade como destino musical de calidade.

 

Sinalou que o encontro de Porto do Son está adherido a FEST Galicia por ofrecer un valor engadido á experiencia musical, tanto desde o punto cultural como turístico, e tamén por contribuír á vertebración do territorio desde a sustentabilidade social e medioambiental. No caso do Rompetiño, valorou especialmente o seu proceso de profesionalización a partir da súa orixe nun marco escolar, a súa contribución ás contratacións artísticas e seu decidido arraigamento nunha contorna local que aposta por combinar o rural co urbano como fórmula para espertar o interese da xuventude.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2023