O Consorcio Casco Vello de Vigo inicia o proceso de adxudicación de catro vivendas na rúa Real

A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Marta Fernández-Tapias, destaca a posta a disposición dos vigueses de vivenda protexida

Esta rehabilitación, que tivo un investimento de 605.150 euros, permite sacar a concurso público catro novas vivendas no barrio histórico vigués
 

Vigo, 14 de xuño de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, anunciou hoxe o inicio do proceso de adxudicación de catro viviendas tras finalizar as obras de rehabilitación do edificio situado no número 13 da rúa Real.

Así, a representante autonómica avanzou que a partir deste xoves, 15 de xuño, todos os interesados en participar no concurso poderán presentar a solicitude para a súa inclusión no sorteo dentro do prazo máximo de 15 días hábiles dende o seguinte á publicación de dita apertura. Para poder optar á adxudicación dalgunha das vivendas hai que estar previamente inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia (apartado de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado).

A promoción de Real 13 permitiu recuperar un dos maiores edificios construídos no barrio histórico vigués, levantado sobre un solar de 116 metros cadrados cunha fronte de fachada cara á rúa de 10,24 metros. Foi adquirido polo CCVV en decembro de 2019 e a súa reforma supuxo un investimento de 605.150,50€.

A delegada destacou que o proxecto de rehabilitación, que inclúe ademais a creación dun local comercial na planta baixa, foi elaborado por Rodríguez e Rivoira Arquitectos e recolle como un dos seus elementos distintivos a conservación na fachada de pedra das grandes ventás que caracterizan ao edificio. Trátase dunha das principais rehabilitacións na zona baixa do Casco Vello de Vigo realizada nos últimos anos, cunha situación excelente ao estar moi próxima a puntos de interese como a praza do Berbés, a Concatedral, A Laxe ou a praza da Constitución.

Catro vivendas e un local

Cada unha das novas residencias ten unha superficie aproximada de 63 metros cadrados e conta cun dormitorio, un baño, comedor-cociña e zona de servizos. Na mesma rúa sitúase tamén a sede dos Rexistros Mercantís de Vigo, construídos sobre unha serie de edificios adquiridos no seu momento polo organismo público. O edificio tivo que ser baleirado debido ao mal estado de conservación desta centenaria construción.

Data de actualización: 14/06/2023