A Xunta constitúe coas universidades galegas unha comisión permanente de traballo para a mellora da formación forestal

A creación deste órgano, contemplado no Plan Forestal de Galicia, ten como obxectivo avaliar as necesidades formativas neste eido para mellorar a relación entre a demanda e a oferta no sistema universitario galego

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023 Responsables da Xunta reuníronse hoxe con representantes das universidades de Santiago de Compostela (USC) e de Vigo (UVigo) para constituír a comisión permanente de traballo para a mellora da formación forestal universitaria en Galicia, que se recolle no Plan Forestal 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

Así, con este motivo, os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, xunto co director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, mantiveron un encontro de traballo co director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, e coa directora da Escola Politécnica Forestal de Lugo, Rosa Romero.

Esta comisión permanente busca avaliar as necesidades formativas que hai no sector forestal  para poder mellorar a relación entre a demanda e a oferta que hai actualmente no sistema universitario galego. A súa constitución está recollida na medida V.4.1. do Plan Forestal, centrada na “Cooperación e coordinación para a mellora da formación forestal universitaria en Galicia”. Trátase de sumar e coordinar sinerxías para impulsar a xestión forestal mediante un ensino universitario adaptado ás necesidades detectadas e que garanta transferencia de coñecemento para mellorar un sector estratéxico en Galicia nun momento decisivo para o seu futuro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2023