O presidente do Goberno galego recibiu na praza do Obradoiro aos participantes nesta experiencia organizada pola Fundación Abrente

A Xunta apoia iniciativas como Enki no Camiño que son claves para fomentar a plena inclusión de persoas con discapacidade

Este tipo de proxectos amosan o carácter inclusivo da ruta xacobea, apta para persoas de calquera idade e características físicas, psíquicas, sociais ou culturais

A Xunta mantén un firme compromiso coa atención á discapacidade ao incrementar este ano un 16% o orzamento para este eido ata superar os 165 M€
 

Santiago de Compostela,  13 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu hoxe na praza do Obradoiro aos participantes dunha nova edición de ‘Enki no Camiño’, unha iniciativa promovida pola Fundación Abrente e que facilita material adaptado para que as persoas con discapacidade poidan peregrinar a Santiago en bicicleta. Trátase dun programa que conta co apoio do Goberno galego e que busca a plena inclusión deste colectivo así como visibilizar a discapacidade a través do deporte.

En concreto, Rueda e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, recibiron aos 13 participantes que fixeron o Camiño desde Roncesvalles (Navarra) en bicicleta adaptada e a un grupo de amigos e familiares que os acompañaron a pé na última etapa.

Este tipo de iniciativas demostran o carácter inclusivo do Camiño de Santiago xa que é unha experiencia da que poder desfrutar con independencia da idade ou das características físicas, psíquicas, sociais e culturais.

Unha das prioridades da Xunta é mellorar e avanzar na atención ás persoas con discapacidade, como proba que o orzamento para este eido aumentase este ano un 16% ata superar os 165 millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2023