A Xunta destaca en San Cibrao das Viñas a aposta das pemes galegas por impulsar a súa transformación industrial a través de proxectos de dixitalización

O director do Igape, Fernando Guldrís, visita as instalacións de Lacados Digoín, empresa especializada en lacados e recubrimentos especiais que ten impulsado un sistema modulable de tratamento e pintura co apoio do programa de dixitalización Industria 4.0 promovido pola Administración autonómica

Lembra que está aberta unha nova convocatoria desta liña, que suma 5 M€ para a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas da súa cadea de valor

San Cibrao das Viñas (Ourense), 13 de xuño de 2023

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe no polígono de San Cibrao das Viñas as instalacións de Lacados Digoín, empresa especializada en lacados e recubrimentos especiais que ten impulsado un sistema modulable de tratamento e pintura co apoio do programa de dixitalización Industria 4.0 promovido pola Administración autonómica. Unha liña, afondou, que busca promover a transformación industrial das pemes galegas a través de proxectos de dixitalización.

 

Neste contexto, Guldrís lembrou que está aberto o prazo de presentación de solicitudes da nova convocatoria deste programa, que suma 5 M€ de orzamento, aspirando a apoiar este ano arredor de 200 novas iniciativas. Así, afondou o director do Igape, a liña facilita a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais cara á dixitalización e conectividade da peme.

 

Esta é a oitava convocatoria do programa, que conta cunha ampla demanda desde o seu arranque en 2018, mobilizándose ata o de agora preto de 3 M€ na provincia de Ourense, impulsando a reactivación do tecido produtivo local a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.

 

O programa de dixitalización Industria 4.0 cobre o 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas, así como o 50 % dos gastos en colaboracións externas en ambos os casos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2023